O Auditorio de Vilagarcía acollerá este sábado a obra 'Castelao'

A peza, con entrada de balde, está organizada a través da programación do FalaRedes pola Concellería de Cultura
Castelao obra de teatro
photo_camera Participantes da obra 'Castelao'. DS

O Auditorio de Vilagarcía acollerá este sábado, 22 de abril, unha obra de teatro para público familiar titulada Castelao, protagonizada por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, un neno de 8 anos que pasaría a formar parte da historia de Galicia como adulto, pero do que poucas veces se tiña abordado a súa infancia. A obra, escrita por Paula Carballeira, desenvólvese en Rianxo, días antes de que o protagonista emigre a Arxentina coa súa nai.

A trama, de gran tensión dramática, xira entorno a unha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida do neno e a nai a Arxentina. A obra, producida por Culturactiva, dirixida por Fina Calleja e protagonizada polas actrices Mónica Camaño e Cris Collazo, presenta a un Castelao divertido, feliz, alegre e aventureiro que permite ao público identificarse con el dende o primeiro momento. 

A entrada ao espectáculo, organizado pola Concellería de Cultura a través do programa FalaRedes da Xunta, contará con entrada libre e de balde ata completar o aforo do Auditorio.