O Auditorio acollerá catro representacións do Ciclo de Teatro Galego ata final de ano

A compañía Caramuxo abre a tempada o 23 de setembro ▶ Amorodio Teatro con "A Nai", Producións Excéntricas con "O Porco de Pé" e Diego Anido con "O Deus do Pop" completan a programación da Agadic

A nena que vivía nunha caixiña de mistos. DS
photo_camera Representación de 'A nena que vivía nunha caixiña de mistos.' DS

A programación teatral de Vilagarcía regresa ao Auditorio a través do convenio cultural asinado entre o Concello e a Agadic para o segundo do ano. Entre setembro e novembro, catro compañías galegas porán en escena os seus últimos espectáculos. Unha variada oferta de xéneros con obras dirixidas a públicos de diferentes idades das que se poderá gozar ao prezo de 5 euros mercando as entradas a través de Ataquilla. Mantense a entrada bonificada a 3 euros para os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xove.

O ciclo ábrese o 23 de setembro coa montaxe da compañía Caramuxo para o público familiar A nena que vivía nunha caixiña de mistos. Inspirada no conto de Andersen A vendedora de mistos, trátase dunha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras, que recorda ás películas clásicas do cine mudo en branco e negro e que conta con música en directo.

A compañía Amorodio Teatro subirase ao escenario o 30 de setembro para poñer en escena A Nai, un traballo multidisciplinar que, sen perder nunca o sentido do humor, emprega ferramentas do xénero documental e da autoficción. A través das figuras das irmás Touza e da súa fazaña de salvar a centos de persoas durante o Holocausto, o texto aborda a posibilidade de sermos mellores aínda en tempos de degradación moral.

Quico Cadaval dirixe O Porco de Pé, a obra que Producións Teatrais Excéntricas representará o 11 de outubro. Baseada no texto de Vicente Risco do mesmo título, o espectáculo preséntase como unha peza de teatro de barracón, aquel que na infancia fascinaba e asustaba a partes iguais. Por esta viaxe á fascinante década dos anos 20 do século XX pasarán, como nunha lanterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.

A tempada de outono rematará o 25 de novembro con O Deus do Pop, unha innovadora proposta de Diego Anido que el mesmo protagoniza despois de ser galardoado co Premio Mestre Mateo e nominado aos Premios Goya polo seu traballo cinematográfico en "As bestas".