Amorodio Teatro apraza a outubro a representación de 'A Nai'

A estrea desta comedia no auditorio trasládase ao venres 13 de outubro debido a enfermidade dunha das actrices
Representación de 'A Nai'. DS
photo_camera Representación de 'A Nai'. DS

A representación de A Nai, orixinal de Amorodio Teatro, prevista para este sábado, día 30, no auditorio municipal, queda aprazada ata o 13 de outubro. A compañía comunicou ao Concello a imposibilidade de facelo dentro de dous días pola enfermidade dunha das actrices. En consecuencia, as entradas que xa foran vendidas a través de Ataquilla seguirán sendo válidas para a nova data, pero se os seus titulares non poden asistir nesa xornada, dispoñen de 15 días para solicitar o reembolso. Chegado ese caso, terían que xestionalo a través de correo electrónico a [email protected].

A Nai é un espectáculo multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor. A obra explora, a través das figuras das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, e as súas fazañas como salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas durante o Holocausto, a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral.

O prezo único de entrada son 5 euros máis gastos de xestión. Desempregados, maiores de 65 e titulares do carné xove teñen un acceso bonificado, cun prezo de só 3€ máis gastos de xestión.