Alcalde de Sanxenxo

Telmo Martín: "Non pode ser que chegues a Santiago ou Vigo e non teñas en que vir para Sanxenxo"

▶ A piques de iniciar o seu segundo mandato e medio consecutivo, Telmo Martín prepara, de cara aos vindeiros catro anos, un Sanxenxo co que "vas quedar coa boca aberta". A proposta para instaurar un sistema de lanzadeiras entre aeroportos e estacións co Salnés, a potenciación do interior e dos roteiros do municipio, ou grandes obras coma a do Mercado, o Pazo de Quintáns ou os portos forman unha "engranaxe" que mantén ao municipio na crista da onda
Telmo Martín na praia de Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Telmo Martín na praia de Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Cales foron as claves desta nova victoria?
Obter seis puntos máis e pasar o 56% de voto débese a dúas cousas. Unha, que a veciñanza ve que se está cumprindo o proxecto que está en marcha desde 2019, e dous, que tamén ven que sería moi negativo un cambio de Goberno en Sanxenxo. Vai haber un Sanxenxo antes do 2019 e despois do 2027.

Como será entón ese Sanxenxo?
Son proxectos que están agora en marcha, algúns deles vanse rematar nos vindeiros catro anos e outros están a piques de rematarse, por exemplo, todo o que é a fachada marítima da ría de Arousa, a fachada marítima que inclúe a remodelación do porto de Portonovo, a escola de turismo e hostelería que se vai facer en Vilalonga, a reforma do pavillón de Baltar, a do Pazo Emilia Pardo Bazán ou a renovación das 7.800 luminarias que temos no Concello, co seu aforro enerxético. Tamén o novo concurso para cambiar todos os contedores de lixo e poñer ben todo o rural, o saneamento e abastecemento de auga para as 720 casas que faltan nestes momentos, a sinalética nova en todo o concello, ou as rutas de sendeirismo como a de Fabaíños. Tamén estou preocupado pola dixitalización da Administración. Iso é bo, pero os que estamos á fronte dela temos que facilitarlle aos cidadáns que poidan facer os seus trámites. Todo isto foi a unha velocidade moi grande coa pandemia, pero hai persoas que non poden, e temos que achegarlles a Administración.

Cal destes proxectos non vai tardar en ver materializado a veciñanza?
Todos son un conxunto. Eu xa o estou vendo, e a veciñanza non vai tardar catro anos nin dous en velo tamén. Nos vindeiros dous anos xa van ver unha transformación moi importante, haberá obras rematadas e tamén mellorará a Administración. Cada vez temos máis persoas maiores, e hai dúas atencións importantes como son o centro de día e o Servizo de Axuda no Fogar. Queremos reforzar moito máis eses dous servizos para coidar máis ás persoas que nos trouxeron ata aquí. É unha especial obsesión que teño. Non quero destacar ningún proxecto, porque estou traballando coa ilusión de facer, non proxectos grandes, senón o que Sanxenxo precisa acorde ao nome que conseguimos traer ata aquí entre todos, hosteleiros, traballadores do Concello e a cidadanía.

Fala da marca Sanxenxo?
Puxémonos nun ‘top’ tan alto que os gobernantes temos a obriga de igualar os servizos a ese nivel, e considero que aínda nos falta por chegar aí. O que quero é que cando chegues aquí, Sanxenxo te sorprenda. Un exemplo é a transformación do porto deportivo. Cando chegas aquí xa che falan ben del, pero dentro de tres anos, aínda que vou intentar que sexan dous, cando chegues aquí vas quedar coa boca aberta. Agora dis: "que bonito, funciona mellor que outras mariñas de España", pero en tres anos dirás: "é único, isto só o hai en Sanxenxo". Se mercas unha blusa en Zara pola tres veces e tiras con ela. Podes mercar dez distintas por 100 euros. Pero unha Carolina Herrera dúrache máis e é sempre a mesma.

E Sanxenxo que quere ser, Zara ou Carolina?
Carolina Herrera. Temos un lugar, 43 quilómetros cadrados que son únicos. Non hai ninguén en España na nosa situación. Praias marabillosas con esta montaña ao lado que aínda non se deu a coñecer. Agora coa ruta de Dorrón moita xente irá ata alí e darase conta de que hai un val, que para min é o máis bonito que hai en toda Galicia no contexto que temos nesta zona. Estás tomando o sol nunha praia estupenda e a tres minutos hai un val cunha campiña marabillosa. Onde tes iso? Busca, e xa verás como non o tes.

Ou sexa, que Sanxenxo ten moito por descubrir.
Por poñer en valor. Sobre todo, a paisaxe interior. Temos que facer moitas máis rutas de sendeirismo. Se ti vés a Sanxenxo é imposible que non vaias ao porto deportivo ou a Silgar. En cambio non vas ao Con da Ventureira. Sen embargo, esa vista é única, espectacular. Temos que facer que esa persoa que vai ao paseo de Silgar tamén suba ao Con da Ventureira.

Hai pouco sinalizouse todo ese patrimonio. Vaise seguir avanzando nesa liña?
Si, por exemplo toda a musealización do xacemento da Lanzada, restaurar e coidar a torre da Lanzada. A miña intención é que as persoas que veñan a Sanxenxo fagan unha ruta para coñecer o seu patrimonio.


Imos traballar para que cando chegue un avión de Madrid ou Londres haxa unhas lanzadeiras"

Vouno propoñer cando se forme a nova Mancomunidade do Salnés. Quero traballalo dende aí"


Hai un proxecto en marcha?
Quero facelo. Estamos vendo que  ao turismo fóra de tempada gústalle moito camiñar e coñecer a campiña. Por aí é por onde temos que ir. Imos tirar máis cara ao interior.

En que consistirán estas inciativas?
Acondicionaremos as rutas e, sobre todo, temos que facilitarlle ao visitante a conexión con Sanxenxo. Non pode ser que ti chegues a Santiago e Vigo en tren ou avión e non teñas en que vir para Sanxenxo. E iso ten que ser viable. Vai ser latoso, pero imos traballar nesa liña, para que cando chegue un avión de Madrid ou Londres haxa unhas lanzadeiras, e hai que reclamalo non só para Sanxenxo, senón para toda a comarca.

É factible que iso se poida dar nos vindeiros anos?
Non é que sexa viable, é que é unha obriga. Se apostamos polo turismo temos que facilitalo. Eu se vou a calquera cidade europea lévanme con facilidade a calquera pobo, e non hai que alugar un coche nin complicarse a vida. Somos unha comarca de 200.000 habitantes e temos que potenciar as conexións cos aeroportos e estacións de ferrocarril.

Comezouse a traballar nese sentido?
Vouno propoñer cando se forme a nova Mancomunidade do Salnés. Quero traballalo dende aí, porque ten que ser un servizo non só para Sanxenxo, senón para toda a comarca. Agora mesmo podes saír ás 11.00 dende Madrid e chegar ás 15.00 a Vilagarcía en tren. Cando chegue ese tren de xente que vén dende Madrid terá que haber unha lanzadeira que os leve a Sanxenxo, a Cambados, ao Grove ou Meaño. Hai que poñerse de acordo e facelo.

Quero que a xente poida ter un punto de encontro no xardín do Pazo de Quintáns, tomando un viño ou un café"

Falando de atractivos turísticos, o plan para Pazo de Quintáns foi un punto moi criticado nesta campaña polo seu vínculo coa restauración. Como o defende?
Mercouse no ano 2015 e foi un acerto. Logo converteuse nun BIC, e fíxose a primeira fase de restauración a través do Ministerio. Na segunda fase, con fondos europeos, imos facer a musealización para poñer en valor de xeito dixital os produtos de aquí e a nosa historia, como é o tema das salinas. Iso irá dentro do pazo, pero ao mismo tempo, haberá un local para eventos con cabida para unhas 180 persoas. Un evento pode ser a presentación dun produto por parte dunha empresa ou unha voda. Para iso imos sacar un concurso público para que o colla un xestor. Se o xestor é do mundo da restauración, hai unha zona anexa ao pazo na que se pode montar un pequeno restaurante. Pero o interesante para a persoa que gañe o concurso será explotalo a través de eventos. Pódese facer de todo. E con iso conseguimos manter o pazo vivo, abrir un museo para a xente que nos veña visitar, e que non lle custe un céntimo aos veciños. Os museos polo mundo adiante estanse a converter en lugares de encontro para as persoas. Calquera museo ten os seus espazos e cafetería. Ao mellor non vas ver ninguha obra do museo, pero quedas alí coa xente. O que eu quero é que a xente, en vez de quedar en Silgar, poida ter tamén alí un punto de encontro no xardín do Pazo de Quintáns tomando un viño ou un café, ou que sexa un punto de encontro para os empresarios. Paréceme un atraso moi grande que critiquen isto. Lóxicamente non se vai converter nun restaurante, que digan iso é enganar á xente. Estou tan tranquilo con que a actuación é un acerto que, se todo vai ben, para o verán de 2024 estará aberto ao público.

En todo caso, si que incluirá un museo. Que albergará?
Imos destinar case 400.000 euros en aparellos dixitais que contarán a historia das telleiras co barro da Arnosa, outra vez as salinas, ou como se comezou cos baños. Temos expertos desenvolvendo ese proxecto. Tamén se poderá facer unha exposición, ou unha exposición que sexa itinerante. Hai que utilizar os edificios públicos e penso que incluso o salón de plenos debería estar a disposición da veciñanza.

Sanxenxo vale polo que é capaz de xerar, non soamente polo que ten. É parecido a Amancio Ortega"

O Mercado será outro gran proxecto...
Eu creo que o gran mercado como tal é o de Portonovo, e hai que darlle unha volta e reformalo. Non o prometín na campaña, pero estou convencido de que hai que darlle un empurrón. O de Sanxenxo, en cambio, será algo máis que un mercado. Será un lugar ao que apeteza ir aínda que non vaias mercar peixe. Dúas plantas ocúpaas o propio Mercado, e haberá outras tres máis. Unha será diáfana adicada á muller, outra para salas de estudio para exames e oposicións e a quinta planta, a Biblioteca Municipal de Sanxenxo, adaptada aos tempos actuais. Polo tanto, a actual biblioteca de Sanxeno destinarase máis ao tema da música e actividades para as que o pazo Emilia Pardo Bazán queda pequeno. Enriba haberá unha terraza cun gastrobar, e haberá un concurso para adxudicala. Sanxenxo vale polo que é capaz de xerar, non soamente polo que ten. Dous exemplos son a Duquesa de Alba e Amancio Ortega. A duquesa era un patrimonio dos grandes de España, pero moitas veces non tiña liquidez. Amancio Ortega é un innovador, un xerador constante de riqueza. E Sanxenxo é parecido a Amancio Ortega.

Cal é a prioridade agora?
Sanxenxo non pode perder nin un segundo. Por iso quero formar o equipo de Goberno canto antes para que todos estes proxectos funcionen coma unha engranaxe.

Telmo Martín este xoves en Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Telmo Martín este xoves en Silgar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 

"Cunha empresa pública igual hai que cambiar un pouco o organigrama do Concello"

Hai novas caras no Goberno local. Os veteráns repetirán na súa área ou haberá cambios?
Máis ou menos si, primeiro falaremos entre todos, non quero adxudicar concellerías sen pactalas con esas persoas.

Vostede seguirá á fronte de Turismo?
Aínda non o teño decidido. Nós temos un organismo autónomo e tres empresas públicas. Turismo de Sanxenxo é unha. Cando tes unha empresa pública igual hai que cambiar un pouco o organigrama do Concello, non pode ser máis do mesmo. Ás veces é bo facer cambios e pode haber algún.

O convenio da depuradora con Poio fíxose cun Goberno saínte. Que relación agarda manter agora co concello veciño?
Unha das cousas que falei con Ángel Moldes antes das eleccións é o bo que foi a sinatura dese convenio para eliminar os verquidos da ría. Esa ría non coñece siglas políticas nin territorios. Tiven unha boa relación con Gregorio Agís e con Luciano Sobral, pero creo que Ángel Moldes o fará ben e que será bo un Goberno ‘popular’ en Poio, sobre todo pensando que imos ter a Deputación. Digamos que este lado da ría é azul.

O cambio na Deputación abre novos horizontes para Sanxenxo?
Non, seguirá funcionando todo positivamente e o que lle pido ao novo presidente ou presidenta é que se respecte a Sanxenxo como se respectou ata agora.

O seu nome saíu coma un dos posibles candidatos. Vese aí?
Non, o PP na provincia de Pontevedra ten un ‘banquillo’ moi amplo para sacar titulares a xogar ao campo. Hai xente moi formada, moi preparada, xente nova e con experiencia, hai de todo.

E como ve as eleccións xerais?
Preocupado porque sexan no mes de xullo, porque hai que pedirlles esforzos a moita xente para cubrir as mesas nun concello que vive do turismo. Toda España sabía que isto non era sostible e a Sánchez houbo que dicirllo nas urnas. Agardo que a xente saiba reaccionar a unha decisión tomada con tan mala fe. O cambio de Goberno é factible e, ademais, necesario.