A rapazada, protagonista da oferta cultural durante a segunda quincena de outubro

O municipio celebrará o Día da Biblioteca ademáis de ofecer proxeccións e a Noite de Meigas, Curuxas e Bruxas
Valentina. DS
photo_camera Valentina. DS

O Concello do Grove continúa a súa  programación cultural de outono-inverno con diversas actividades dirixidas a público infantil que se desenvolverán durante esta segunda quincena de outubro

Celebración do Día da Biblioteca

A Rede de Bibliotecas celebrará o Día Internacional da Biblioteca con dous espectáculos e visitas escolares. O venres 20 de outubro a partir das 11.30 h na Biblioteca Municipal do Grove, terá lugar o espectáculo teatral A máquina do tempo a cargo de Teatro Ghazafelhos, dentro do Programa Ler Conta Moito. A este espectáculo asistirán 128 nenas e nenos de 1º,2º,3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Rosalía de Castro.

O xoves 28 de outubro, tamén dentro do Programa Ler Conta Moito, ofrecerase na Axencia de Lectura de San Vicente o espectáculo de monicreques A nena que rega a alfabaca e o príncipe preguntón a cargo de Viravolta Títeres. A esta actividade asistirá todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria do CEIP As Bizocas. 
As actividades completaranse con exposicións literarias, visitas escolares e talleres. 

Proxección de Valentina

O xoves 26 de outubro, dentro do ciclo de cinema galego Mestre Mateo, proxectarase no Auditorio do Grove a longametraxe Valentina á que asistirán 350 alumnas e alumnos de Educación Primaria do CEIP Rosalía de Castro e do CEIP Valle-Inclán.

Noite de Meigas, Curuxas e Bruxas

Despois de tres anos sen celebrarse, a Biblioteca Municipal do Grove recobra este ano a actividade Noite de Meigas, Curuxas e Bruxas que terá lugar o 31 de outubro de 20.00 a 0.00 h. A actividade contará con diferentes obradoiros, sesión de contos, música e outras sorpresas. Está dirixido á rapazada de 5º e 6º de Educación Primaria. As prazas son limitadas e, para asistir, deberán realizar a inscrición na Biblioteca Municipal do Grove cubrindo o correspondente formulario.