Novembro, mes do teatro no Auditorio do Grove

O recén inaugurado Auditorio acollerá tres importantes pezas teatrais no vindeiro mes
Smoke on the water. LAGUIAGO
photo_camera Smoke on the water. LAGUIAGO

O municipio do Grove convertiráse o vindeiro mes nunha das sedes do mellor teatro autonómico coa representación de tres obras de gran importancia. Smoke on the water, Feminíssimas O porco de pé serán as obras que recalarán no novo Auditorio municipal, inaugurado o pasado mes de xuño, e que forman a grella cultural do municipio para novembro.

Smoke on the water

O sábado 5 de novembro a partir das 20.30 horas,  financiado polo programa Tornar as táboas da Deputación de Pontevedra, representarase Smoke on the Water da compañía Ibuprofeno teatro e recomendada para público a partir de 14 anos.

O texto de Santiago Cortegoso, recibiu o Premio MOME Varela Buxán, e mostra as viciadas relacións entre personaxes cun mundo interior complexo. Josito Porto (Ritchie), Belén Constenla (Janis), Adrián Ríos (Alex) e María Costas (Amparo e Joan Báez) dan vida a este grupo de seres humanos degradados, frustrados, fracasados e perdedores que provocan tenrura e compaixón. Xunto a eles estará en escena o músico Mon Orencio (que asina tamén o espazo sonoro). Completan o equipo artístico Carmela Bo (axudante de dirección e movemento escénico), Pablo Giráldez 'Ou Pastor' (espazo escénico), Salvador do Río (deseño de iluminación), Baia Fernández (caracterización) e Marián Bañobre no deseño de vestiario e Santiago Cortegoso na dirección.

Os convites poderán retirase a partir do venres 21 de outubro na Biblioteca Municipal do Grove e na Oficina de Turismo.

Feminíssimas

O domingo 13 de novembro a partir das 20.30 horas chegará ao auditorio do Grove a obra Feminíssimas, unha creación de F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Comedia con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a proba a amizade a través de tres maneiras moi diferentes de entender o feminismo.

A obra, recomendada para público a partir de 12 anos, é unha maneira –tamén– de rirnos de nós mesmas, de nosas propias incongruencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria. Un espazo –ademais– para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.

O Porco de pé

O sábado 26 de novembro, a partir das 20.30 horas, Producións Teatrais Excéntricas porá en escena O Porco de pé baseado na obra de Vicente Risco e baixo a dirección de Quico Cadaval. Esta peza, recomendada para público a partir de 13 anos, será un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón, unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atraccións.

O seu elenco, formado por Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo, darán vida,  nun tremendo esforzo e capacidade de transformación e multiplicación, a Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Advogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, as Criaturas Soñadas (o Anarquista, a Porca Vingativa, o Niilista, a Fascistoide, o Matachin Bolchevique) a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo e xentes que van á homenaxe a Don Celidonio