Emgrobes pecha con éxito a súa campaña de Volta ao Cole e prepara a do Marisco

A asociación de comerciantes e empresarios atópase inmersa na organización do Grovestock e da feira de oportunidades que terá lugar na ponte do Pilar
festa1
photo_camera A festa da Volta ao Cole na Praza do Corgo. DS

A asociación de comerciantes e empresarios Emgrobes vén de pechar a súa festa de fin de campaña da Volta ao Cole rexistrando un gran éxito de convocatoria, se ben finalmente a actividade tivo que adiantarse dous días pola previsión de choiva, que o pasado venres si respectou a cita con inchables, actividades de auga, touro mecánico e diferentes xogos ao aire libre.

A campaña, que agora dá paso á da Festa do Marisco, consistiu en entregar á clientela dos establecementos asociados invitacións para os cativos e cativas dende o pasado 4 de setembro, coas que puideron gozar de todos os xogos que estiveron dispostos na Praza do Corgo. Así, a asociación considera un éxito a campaña e aposta por este formato tras a expericencia dos anos anteriores cunha campaña cuxo obxectivo é premiar ás familias e animalas a mercar no comercio local.

Ademais dos xogos, Emgrobes tamén levou a cabo dous sorteos a través das RRSS de vales de compra canxeables por material escolar, a consumir estes días polas persoas agraciadas co premio, conseguindo que se reinvirta no comercio local e que as familias premiadas aforren nos seus gastos.

Actualmente Emgrobes atópase inmersa na campaña da Festa do Marisco, coa organización do Grovestock F. M. ou da feira de oportunidades que se levará a cabo durante a ponte festiva do Pilar (días 12,13 e 14 de outubro). Tamén se levarán a cabo accións de prmoción gastronómica e turística, como A cociña do mar, un showcooking para promocionar estes produtos, que terá lugar na carpa institucional. A maiores, de cara ao mes de novembro Emgrobes xa xestionou diferentes actividades no marco das XXI Xornadas da Centola do Grove, e agarda un novo éxito.