A obra 'Cartoons' achegará o teatro ao alumnado de Educación Primaria do Grove

A proxección terá lugar o mércores 26 de abril, ás 12.00 horas no Auditorio municipal
Función de teatro 'Cartoons'. DS
photo_camera Función de teatro 'Cartoons'. DS

O Concello do Grove ofrecerá esta semana no Auditorio do Grove unha función teatral para o alumnado de Educación Primaria. Esta actividade ten como obxectivo o achegamento do teatro e o auditorio á rapazada da vila.

O mércores 26 de abril a partir das 12.00 horas representarase no Auditorio do Grove Cartoóns, un divertido espectáculo clown de 50 minutos cheo de música e diversión.  A obra é unha creación de Víctor Mosqueira e Josito Porto, mais botan man dalgúns colaboradores, como Quico Cadaval, Kukas e Pepe Quintela. Espectáculo recomendado para todas as idades e especialmente adicado a rapaces e rapazas de 4 a 12 anos. Ás súas costas levan máis de 100 funcións realizadas incluíndo festivais como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival de Teatro Galego, a Mostra Internacional de Teatro Cómico de Maya, a Mostra Internacional de Valongo ou Festival Internacional Folia en Lousada.

O espectáculo estimula no auditorio infantil o impulso lúdico, a capacidade mimética, a plasticidade imaxinativa e a creatividade orientada. Tamén é un vehículo de valores, como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia. A arte poética de converter o refugallo en bens de uso tamén incide nas tres famosas "R"s do ecoloxismo: reducir, reutilizar, reciclar.