Os centros educativos do Grove desfrutan da pre-estrea da última obra de Redrum Teatro

O grupo teatral escolleu o auditorio do municipio meco para ensaiar a súa nova obra, O pequeno poni
Imaxe da prepresentación de Redum Teatro no Auditorio do Grove. DS
photo_camera Imaxe da prepresentación de Redum Teatro no Auditorio do Grove. DS

O Auditorio do Grove acolleu durante os meses de setembro e outubro a residencia da compañía Redrum Teatro.  O grupo estivo unha semana de setembro e outra de outubro ensaiando O pequeno poni unha nova obra que estrearán o 13 de outubro.

O pequeno poni é un texto do autor Paco Bezerra, un produto de ficción creado a partir de dúas historias reais de acoso escolar acontecidas en Carolina do Norte no ano 2014, un texto descarnado e real, imprescindible nunha sociedade que necesita profundar máis na loita contra o acoso escolar. A obra aborda o acoso escolar desde a perspectiva do ámbito familiar.

O concello do Grove e a compañía Redrum Teatro convidaron aos centros educativos da zona á pre-estrea desta estremecedora obra, o martes 10 de outubro, co fin de axudar a concienciar á poboación escolar sobre este durísimo tema e seguir achegando a mocidade ao teatro.

Ata o Auditorio achegouse alumnado do IES Monte da Vila, IES As Bizocas do Grove  e o IES Faro das Luás de Vilanova acompañado do seu profesorado,  máis de 430 mozos e mozas da ESO e Bacharelato. 

Ao rematar a representación o elenco da obra mantivo un coloquio con todas as persoas asistentes para debater sobre a representación e o acoso escolar.