O Auditorio do Grove ofrece un segundo semestre de teatro cunha programación variada

Estréase na Rede Galega de Teatros e Auditorios con espectáculos entre os meses de setembro e decembro
Auditorio do Grove. DP
photo_camera Auditorio do Grove. DP

O Auditorio do Grove estréase no segundo semestre do 2023 na Rede Galega de Teatros e Auditorios cunha programación de grande calidade. O programa desenvolverase entre os meses de setembro e decembro e estará integrado por 5 espectáculos, 3 de eles para público xuvenil e adulto e 2 dirixidos a público familiar.

O mozo da última fila. 24 de setembro ás 20.00 horas.

Espectáculo teatral da compañía Redrum Teatro para público xuvenil e adulto, dirixida por Alex Sampayo e cun magnífico elenco formado por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado e Rubén Porto. 

Redrum Teatro propón a primeira adaptación á lingua galega do que posiblemente sexa un dos dramaturgos máis reseñables da súa xeración en castelán, Juan Mayorga, presentando un texto que, en apenas quince anos desde a súa estrea, seguramente se alzou por dereito propio como o título máis relevante da literatura dramática española deste século.

A peza conta con varios premios:  Juan Mayorga premio Max  ao Mellor Autor, Belén Constenla premio María Casares no ano 2021 á Mellor Actriz Secundaria, Machi Salgado nomeado aos María Casares no ano 2021 ao Mellor Actor Secundario  e Rubén Porto nomeado aos María Casares no ano 2021 ao Mellor Actor Secundario.

The Show Moscón. 5 de novembro, 18.00 horas. 

Espectáculo para público familiar a cargo da compañía Galitoon e dirixido por Chisco Casteleiro. Unha homenaxe ás diferentes escolas e técnicas de manipulación, aprendidas ao longo de varios anos e utilizadas nos seus distintos traballos de teatro e televisión, así como, a través da inspiración do traballo doutras compañías de teatro e circo.

The Show Moscón é un Circo de monicreques ambulante de “varietés”, presentado por un moscón gordo e rollizo. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que se atopan no seu interior.

Iphixenia na porta do super. 18 de novembro 20.00 horas.

A compañía formada por Antela Cid e Fran Peleteiro produce este espectáculo, recomendado para maiores de 12 anos, dirixido por Sara Rey Seoane, unha das directoras seleccionadas polo Centro Dramático Galego para a súa última montaxe, e interpretado pola grovense Alba Caneda, unha nova promesa da interpretación saída das últimas promocións da ESAD de Galicia.

Iphixenia na porta do súper é unha crítica aos recortes nos servizos públicos, sobre todo na sanidade, que fai un paralelismo entre o mito clásico de Iphixenia e unha rapaza de barrio actual. "Iphixenia na porta do súper" é unha revisión contemporánea do mito clásico de Eurípides. Unha brillante versión que, desde a súa estrea, está a acadar excelentes críticas.

Rock& Magic. 2 de decembro, 18.00 horas.

Espectáculo de maxia dirixido a público familiar. ROCK & MAGIC é o resultado de 30 anos de maxia e Rock & Roll, un  espectáculo que mestura as dúas principais paixóns do Mago Teto: o rock e a maxia, cargado de ilusións, ritmo, humor e moita, moita tralla. Un espectáculo con música interpretada en directo: hits, temazos e verdadeiros incunables que os maiores levan gravados a lume na súa memoria e teñen que dar a coñecer aos seus fillos e fillas.

Síbaris. 9 de decembro, 20.00 horas.

Peza teatral da compañía Con de tres pés dirixida por Lois Blanco e cun magnífico elenco artístico  formado por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa.

Síbaris é o único texto  teatral escrito polo autor galego Domingo Villar. A obra, que será estreada en breve, representarase no Auditorio do Grove o sábado 9 de decembro de 2023.