A Xunta realiza unha visita guiada á depuradora de Meaño con profesionais do sector

A visita tivo como obxectivo afondar no funcionamento da rede de saneamento
Depuradora de Meaño. DS
photo_camera Visita á depuradora de Meaño. DS

A Xunta realizou na mañá deste xoves unha visita guiada á depuradora de Meaño con profesionais do sector industrial do municipio para afondar no funcionamento da rede de saneamento.

Esta actividade, enmarcada nas xornadas que Augas de Galicia impulsa esta semana co gallo do Día Mundial da Auga, conmemorado onte, ten como obxectivo achegar o sector industrial ao funcionamento do proceso de depuración.

Na xornada, os asistentes puideron coñecer as características da depuradora, datos de rendementos e calidade da auga ou os efectos dos vertidos de orixe industrial no proceso de depuración e tamén no medio ambiente. Nesta zona do Salnés o peso da actividade industrial, e en especial do sector alimentario é relevante, polo que as características da súa auga residual teñen unha grande influencia no correcto funcionamento da depuradora.

Na xornada de divulgación incidiuse na necesidade da colaboración e do intercambio de información entre as administracións e as empresas para garantir o bo funcionamento do sistema de saneamento e depuración de Meaño.