A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais cara ao río Fondón

O persoal do ente autonómico confirmou, mediante analítica, a orixe do punto de vertido nunha rede de pluviais da rúa Santa Lucía 
Rego do Fondón en Dena, Meaño. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Punto do río no que se eliminaron os vertidos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas sen depurar cara ao río Fondón, na parroquia de Dena, no concello de Meaño.
 
Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos para o control e seguimento dos puntos de vertido nos municipios da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do punto de vertido nunha rede de pluviais da rúa Santa Lucía

Os resultados analíticos das mostraxes tomadas polo persoal de Augas de Galicia do caudal evacuado a través desta rede confirmaron a achega contaminante.

Ante a deficiencia observada, os técnicos da Xunta comunicaron ao Concello a necesidade de adoptar as actuacións oportunas co obxectivo de emendar ese foco, procedendo o Concello á reparación de varios pozos de  rexistro da rede municipal. 

Nunha recente inspección xirada á zona, os técnicos de Augas de Galicia confirmaron, mediante a revisión da rede de saneamento con trazador fluorescente e a correspondente analítica, que as actuacións executadas permitiron a emenda do foco.