Xosé Lois Romero & Alibroria chegan a Meaño da man de 'Musigal'

O concerto organizado pola Deputación terá lugar este xoves na praza Nova de Dena ás 21.30 horas
Xosé Lois Romero e Aliboria. DS
photo_camera Actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria. DS

Xosé Lois Romero e Aliboria ofrecerán este xoves 10 de agosto un concerto na praza Nova de Dena, no concello de Meaño, ás 21.30 horas. Trátase dunha das actuacións do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua.

O proxecto musical que promoven o multiinstrumentista Romero e Aliboria une vangarda e respecto pola tradición a partes iguais, e está baseado unicamente en voces e percusións tradicionais. Reúne sobre o escenario dez músicos que recuperan as percusións tradicionais que se empregaban en Galicia a principios e mediados do século XX (instrumentos para labrar o campo, utensilios de cociña ou latas de pementón) xunto a outros instrumentos clásicos da música tradicional. A formación conta cun coro de seis mulleres que enlazan a tradición máis intuitiva coa música tribal de África ou a América Latina afrodescendente.

Latexo, publicado no 2020, é o último disco resultante deste proxecto. Nel, Xosé Luis Romero & Aliboria manteñen o pulso do tribal e o ritual á vez que resignifican os códigos da música folk galega. O grupo pasou por grandes festivais como Ortigueira ou o Intercéltico do Morrazo, e as actuacións chegaron ás principais cidades do noso país. Ademais, os membros da formación comparten xiras con importantes bandas como Baiuca ou Vetusta Morla.