Entrevista a Carlos Viéitez alcalde de Meaño

"O viño é a actividade complementaria da que viven moitas familias"

O concello de Meaño mergúllase esta fin de semana na XXI Festa do Viño, e o seu alcalde deu os detalles dunha edición moi esperada

Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, na praza do Concello. DP
photo_camera Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, na praza do Concello. DP

Que supón recuperar a festa?
A XXI Festa do Viño toma a testemuña do Encontro co Viño de Autor para ofrecer unha versión máis profesionalizada con protagonismo exclusivo do propio sector, coa participación dunha veintena de adegas asentadas no municipio e cunha produción conxunta que arroxa cifras que evidencian o peso da viticultura no municipio.

Que destaca nesta edición?
Estreamos un novo formato aberto a todas as adegas do concello, con elevada participación nesta edición. O evento está estruturado en tres zonas diferenciadas: As casetas das 20 adegas están nunha carpa; unha zona de árbores para a gastronomía e unha zona para as actuacións musicais programadas. O venres ás 22.00 actuará Guadi Galego, o sábado á mesma hora Treixadura coa Banda Unión Musical de Meaño, e o domingo, tamén ás 22.00, Grupo América.

Estreamos un novo formato aberto a todas as adegas do concello e cunha elevada participación

Cantas catas vai haber?
As catas son o prato forte xunto coa degustación. Haberá varias citas. Na xornada de mañá sábado o Pazo de Lis será o escenario das catas libres e gratuítas, en dúas quendas, ás que se pode inscribir quen o desexe, cun límite de 20 prazas en cada convocatoria. A primeira catará viños vellos e estará dirixida por Isma López, do restaurante Casa Solla ás 11 da mañá; a segunda cita do sábado será a Sub 25, ás 19 horas para menores de 25 anos que catarán tintos e espumosos guiados por Manuel Méndez. A evaluación dos caldos continuará o domingo coa primeira Cata a Cegas. Unha convocatoria que busca poñer a proba os coñecementos dos catadores baseándose exclusivamente nas sensacións que lle transmite o padal, ao non ter acceso a ningún outro elemento identificativo que lle transmita a que adega pertence o viño que proba. As catas están organizadas polo Clube de Viños Lagüiña.

Haberá zona de degustación?
Desde mañá pola noite e ata o domingo 17, a Praza do Concello de Meaño convertirase nun escaparate ideal para coñecer as singularidade dos viños que nacen das terras de Meaño. Un total de 20 casetas acollen outras tantas adegas que ofertarán unha selección dos seus mellores caldos, cun prezo unitario de venda por botella e por copa. Quero convidar a toda a comarca a achegarse ata Meaño esta fin de semana para descubrir os sabores e aromas da nosa terra, capturados nunha botella de cristal e tratados con agarimo para acariciar padais capaces de deixarse sorprender. A festa do Viño de Meaño é unha cita familiar na que haberá actividades programadas para todas as idades.

Como será o acto inaugural?
A festa inaugurase esta tarde cun brinde na praza ao que desde o Concello convidamos aos alcaldes e alcaldesas da contorna, á presidenta da Deputación, Carmela Silva; ao delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López Diéguez, e ao presidente do Consello Regulador D.O. Rías Baixas, Juan Gil Araújo. Será un acto simbólico no que haberá representantes das adegas implicadas na organización da festa. Como alcalde, agradézolles persoalmente a súa aposta decidida por impulsar un evento que busca ser un recoñecemento público ao sector, ás centos de persoas de Meaño que creron no potencial dos viñedos e que con ilusión e traballo acadaron unha evolución e unha profesionalización, a través de fórmulas empresariais rendibles, que hoxe permite a Meaño presumir de ser "terra do mellor viño".

Que rol ten o viño en Meaño?
O viño ten que ser algo máis que un produto.Debe ser un elemento dinamizador de Meaño e da comarca, potenciando así o enoturismo no Salnés. Meaño é terra de viño, de viticultores de adegas e é un destino clave do enoturismo. De feito, se celebramos a XXI edición desta festa é porque moitísimas familias viven da viticultura como actividade complementaria. Meaño destaca polo sector do viño pero tamén pola súa riqueza gastronómica, pola natureza, os roteiros de senderismo con muíños e pola súa ubicación. De feito, Meaño é coñecida como o corazón do Salnés.