Meaño suma o concurso de 'espantallos' á súa programación de Entroido

O cartel complétase con desfiles, festa infantil e dúas citas lúdicas para maiores de 60 anos
As orixes do Entroido de Cobres e as súas madamas e galáns remóntase ata o século XVIII. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Imaxe do Entroido. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

O concello de Meaño suma os Espantallos á programación do seu Entroidodeste ano a través dunha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños de Dena. Estas creacións, nadas para protexer os cultivos dos ataques das aves, adoitan amosar moita orixinalidade partindo sempre de materiais de reciclaxe como textis de segunda man recheos de palla; elementos todos que concordan co espíritu do entroido.

Os espantallos, que poden presentarse de xeito individual ou colectivo, exporanse na Praza de Dena desde o día 16 ata o domingo 26, data na que se entregarán os correspondentes premios, de 200, 250 e 100 euros respectivamente para os tres primeiros clasificados, nun acto que terá lugar ás 13 horas.

O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, agradece o traballo que está a realizar o colectivo veciñal coa organización dunha iniciativa que contribúe a visibilizar o caracter agrícola do municipio, facendoo parte destas festas. O Concurso de Espantallos completa o programa de entroido de Meaño, que arranca o venres 17 co desfile escolar do CEIP As Covas ata a Praza do Concello organizado polo centro educativo.

O domingo 19 o centro de Dena vivirá unha sesión vermut na praza Mercadena amenizada por Fanfarria Furruxa, que antes fará un pasarrúas, de 11.30 a 14.30 horas e pola tarde a festa é para os maiores de 60 anos, no Centro Social de Dena, cunh baile e desfile de entroido amenizado polo Dúo Caché.

O luns 20, no pavillón de Xil, haberá festa-baile de disfraces para cativos e xuventude amenizado por Máster Discoteca Móvil, de 16.30 e 20.30 horas. E de novo os maiores volven ser protagonistas da última xornada de entroido en Meaño, a do martes 21, cunha merenda no Centro Social de Dena amenizada por Amigos do Acordeón das Rías Baixas e na que a organización pide aos asistentes que compartan os seus doces de entroido.