Meaño acende de vermello o seu corazón para convertelo en símbolo de amor e amizade

Convida a toda a contorna a fotografiarse con este elemento lumínico de fondo e a compartir as imaxes en redes co cancelo #amameañocorazondosalnes
Corazón do Salnés en Meaño. CEDIDA
photo_camera O 'Corazón do Salnés' está situado na Praza de Dena. CEDIDA

Meaño comparte o seu Corazón do Salnés con toda a contorna este 14 de febreiro. Acendido de vermello ata o mércores 15, cunha alfombra tamén vermella fixadas con xardineiras florais e no centro da Praza de Dena, este elemento lumínico nado ao carón do Nadal está chamado agora a converterse en símbolo do amor en todas as súas variedades.

Por iso, dende o Concello lanzan unha proposta a toda a poboación para que nestes días inmortalicen as súas relacións de amor ou de amizade, en grupos ou en parellas, coas familias ou cos amigos, co Corazón do Salnés como testemuña. Tamén animan a compartir esas imaxes nas redes sociais co cancelo #amameañocorazondosalnes para contribuir durante uns días a difundir mensaxes optimistas e positivos.

“En Meaño estamos orgullosos do noso Corazón e temos comprobada a súa capacidade para despertar sorrisos entre quenes o ven por primeira vez. E iso é o que queremos transmitir con esta iniciativa: positivismo”, explica Carlos Viéitez, alcalde de Meaño, que confía en que a imaxe do Corazón inunde estes días as redes sociais.