Meaño quece motores para a XXII edición da Festa do Viño

O desfile de bodegueiros, cofrades e autoridades desde o Pazo de Lis e a actuación da orquesta Marbella serán os pratos fortes da cita, que se celebrará os vindeiros días 21,22 e 23 ▶ O xornalista Diego Losada será o encargado de dar o pregón
Cata de viños na anterior edición da Festa do Viño de Meaño. GONZALO GARCÍA
photo_camera Cata de viños na anterior edición da Festa do Viño de Meaño. GONZALO GARCÍA

O Concello de Meaño prepara a XXII edición da tradicional Festa do Viño, que se celebrará os días 21,22 e 23 de xullo na Praza do Concello. Os tres días da Festa contarán con numerosas actividades musicais e gastronómicas nas que o viño será o principal protagonista.

A Festa comezará o venres 21 ás 20.00 horas coa apertura do stand e o primeiro concerto será unha hora máis tarde, ás 21.00 horas, da man de Da Bumm. A xornada do primeiro día será culminada coa actuación de Broken Peach ás 22.30 horas e a posterior sesión dun DJ pola noite.

O segundo día será o de máis actividade e comezará a partir das 12.00 horas co acto principal da Festa, o desfile de bodegueiros, cofrades e autoridades desde o Pazo de Lis ata a Praza do Concello. Ao rematar o desfile, darase paso á Lectura do Pregón a cargo do xornalista e presentador de televisión Diego Losada Gómez, e o nomeamento dos Cabaleiros no palco da Praza.

Ás 15.00 horas terá lugar a Comida de confraternidade na Casa Rodiño, onde é necesaria a reserva, e as 17.00 comezarán as desgustacións de viño, que seguirán dúas horas máis tarde na Finca do Municipio de Meaño coa actuación da Charanga Alambique como complemento. Para pechar a xornada o Concello anunciou a verbena amenizada pola orquesta Marbella ás 22.30 e, de novo, a posterior sesión dun DJ.

O domingo comezará a xornada cunha nova cata de viños ás 11.30 e cun concerto do grupo Amigos do Acordeón das Rías Baixas ás 13.00 horas. Para pechar os tres días de festa, o Concello reservou a actuación da Charanga Mil9 e a verbena amenizada pola orquesta Ocaband.