O espectáculo 'Falemos como galegas' chega a Meaño o domingo 22

A obra de Migallas Teatro proxectarase ás 19.00 horas no Centro Social de Dena
Imaxe promocional de Falemos como galegos. DS
photo_camera Imaxe promocional de Falemos como galegos. DS

A compañía Migallas Teatro realizará unha función do espectáculo para público adulto Falemos como galegas o domingo 22 de outubro ás 19.00 horas no Centro Social de Dena en Meaño, dentro do programa Tornar ás táboas que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración cos concellos da provincia. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade.

Sinopse do espectáculo

Por que a situación da lingua galega é a que é? Cales son os falsos tópicos máis comúns sobre ela? Que son a “diglosite” e a “castrapite”? De onde veñen os prexuízos sobre a lingua? A quen afectan? Teñen cura? Que remedios hai para tratalos? Cal é o futuro do galego?

Falemos como galegas é un espectáculo humorístico interactivo onde se abordan estas e outras moitas cuestións relativas á lingua galega a través de sketchs e cancións cómicas de autor.

María Campos e Carlos Yus danlle vida a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular Sra. de Palmírez, coñecida polas súas intervencións no programa Luar da TVG e toda unha icona do “castrapismo”.

As cancións, alén de cuestións sociolingüísticas, tratan temas como a defensa da cultura propia e do patrimonio natural, a influencia dos medios de comunicación, a publicidade, a moda, o clasismo etc.

Cada función de Falemos como galegas é unha invitación amena e divertida a reflexionar sobre a historia, a actualidade e o futuro da lingua galega, co obxectivo de fomentar o seu uso normalizado entre as galegas e galegos de todas as idades.