Educación concede á Illa unha subvención de 4.000 euros para crear unha Aula Mentor

Estará situada na biblioteca municipal e oferta un amplo programa de formación on line non regrada, flexible e titorizada destinada a maiores de 18 anos
SEGUNDA AULA INFORMATICA BIBLIOTECA Aula Mentor A ILLA. DS
photo_camera Unha das aulas da biblioteca acollerá este novo espazo. DS

O Ministerio de Educación y Formación Profesional concedeu ao Concello de A Illa unha subvención de 4.000 euros para poñer en marcha a súa Aula Mentor, un espazo formativo pensado para persoas de calquera idade que teñan interese en mellorar a súa cualificación profesional e ampliar as súas posibilidades de acceso ou adaptación ao mercado laboral.

A nova Aula Mentor estará instalada na biblioteca municipal, concretamente nunha das aulas dotadas con equipos informáticos e terá un horario concreto asignado para as persoas matriculadas nalgún dos cursos ofertados. 

Tanto o alcalde de A Illa, Carlos Iglesias, como a concelleira de Cultura, Rosi Viana, destacan a importancia de poder complementar desde a localidade a oferta formativa orientada a todos os niveis para facilitar tanto a adaptación á transformación dixital que están a rexistrar todos os sectores como a que as persoas interesadas en facelo poidan adquirir competencias axeitadas para o exercicio de determinadas profesións.

“É unha moi boa noticia para a poboación da Illa ter a oportunidade de mellor a súa formación e por tanto as súas opcións de acceso ao mercado laboral cun catálogo de cursos extensísimo e que poden desenvolver sen sair do municipio”, apunta Rosi Viana.

A Aula Mentor ofrecerá un programa de formación online non regrada, flexible e con titorización personalizada, destinada a maiores de 18 anos. A través do seu extenso catálogo de cursos clasificados en áreas formativas, entre elas educación, idiomas, dixitalización ou emprendemento, ofrece a oportunidade de ampliar as competencias persoais e profesionais.

Os obxectivos da Aula Mentor centraránse en proporcionar unha alternativa en materia de formación á poboación adulta, cuxo ritmo de aprendizaxe ou dedicación require un sistema totalmente flexible non suxeito nin a horarios nin a prazos.

Ao finalizar o curso realizarase un exame presencial que, unha vez superado, permite a obtención dun certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación.