A Xunta inviste 1,7 millóns de euros no saneamento municipal de Cambados

A intervención comprende a mellora no núcleo urbano, con novos colectores, a optimización do sistema na zona do Facho ou a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello
Comezo das obras de saneamento municipal de Cambados. DS
photo_camera Comezo das obras de saneamento municipal de Cambados. DS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de augas de Galicia, vén de comezar a execución das obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, que suporán un investimento de 1,7 millóns de euros. Os traballos iniciados este venres contan cun prazo de execución de 15 meses e inclúen a mellora de saneamento no núcleo urbano de Cambados, proxectando novos colectores para crear unha rede separativa en certas concas.

Tamén se inclúe a optimización do sistema na zona do Facho con dúas novas impulsións, así como cunha serie de novos colectores. A intervención recolle, ademais, a automatización e telecontrol de bombeos principais e a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello. Esta actuación é unha das deseñadas pola Xunta para dar un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa.

No marco destes proxectos, o Goberno galego iniciou o pasado mes de marzo obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporá un orzamento de preto de 10 millóns de euros. Tamén se segue a avanzar na mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 millóns de euros.

Porén, a falta de autorización de Costas do Estado segue a impedir que se poida executar a outra obra prevista pola Xunta para a mellora do saneamento, o proxecto de mellora do colector que vai de Vilanova de Arousa a Cambados. Todas estas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

As intervencións están enmarcadas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, que está executado xa por riba do 80%, ao permitir coñecer en profundidade os sistemas de saneamento municipais e as súas necesidades e programar os proxectos precisos.