Vilagarcía percibirá 160.000 € para a mellora e acondicionamento de Trabanca Sardiñeira

As axudas enmárcanse dentro da liña 1 do Plan Concellos da Deputación
Xunta de Goberno da Deputación. DS
photo_camera Xunta de Goberno na que se aprobou a axuda. DS

A Deputación de Pontevedra conseguiu tramitar “en pouco máis de dous meses o 100% das axudas do Plan Concellos” de 2023. A presidenta, Carmela Silva, subliñou este dato, que supón “unha tramitación máis rápida que nunca”, xa que unha vez rematado o 1 de febreiro o período de solicitude de obras por parte dos concellos beneficiarios (os de menos de 50.000 habitantes), a Deputación recibiu “222 proxectos na liña 1 de investimentos” que foron “tramitados ao 100%, o que significa que o persoal de área de Cooperación revisou todos estes proxectos en pouco máis de 2 meses para poderlles dar o visto bo”. Tamén no marco do Plan Concellos, a Deputación recibiu 53 solicitudes na liña 2 e outras 57 solicitudes na liña 3 de emprego, estas últimas xa concedidas na súa totalidade.

A presidenta tamén informou das achegas que recibiron este venres o visto bo da Xunta de Goberno, que xunto coa aprobación de proxectos de infraestruturas suman en total unha mobilización de 1,1 millóns de euros para Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponteareas, Redondela e Vilagarcía.

No municipio do Salnés acordouse unha axuda de 160.000 €  para a mellora e acondicionamento do acceso á contorna de Trabanca Sardiñeira.