Vilagarcía convoca as axudas municipais para reforestación e prevención de incendios

O Concello destina 85.000 euros ás subvencións, ás que poden optar as comunidades de montes para financiar as súas actuacións
Un incendio en O Vento,  en Vilagarcía de Arousa. ARCHIVO/EUROPA PRESS
photo_camera Un incendio en O Vento, en Vilagarcía de Arousa. ARCHIVO/EUROPA PRESS

O Concello de Vilagarcía vén de convocar unha nova edición das axudas anuais para a prevención de incendios forestais e de loita contra o lume. Cunha partida de 85.000 euros, a Concellería de Medio Ambiente volve a apostar pola conservación dos montes locais ofrecendo ás comunidades que os xestionan subvencións para financiar actuacións que contribúan a manter en bo estado a masa forestal e evitar os incendios que cada ano arrasan miles de hectáreas de monte en Galicia.

Poderán concorrer a estas axudas, cuxo prazo de solicitude remata o 24 de setembro, as comunidades de montes en man común de forma individual, agrupada ou a través da Mancomunidade. A contía máxima da subvención será de 8.000 euros no caso de presentar un proxecto en solitario, e de 8.800 ou 9.440 euros por entidade participante no proxecto, en caso de facelo de forma asociada ou mancomunada, respectivamente. De todos os xeitos, as iniciativas deben terse iniciado e executado ao longo do ano en curso.

As actuacións a subvencionar inclúen tratamentos silvícolas, rareos, eliminación de restos e creación de infraestruturas para combater os lumes. Así, por exemplo, financiaranse proxectos para creación de devesas, tratamentos axeitados da biomasa residual, limpeza e rozas das zonas de protección para liberar vexetación accesoria á masa principal e para rarear a masa arbórea. Tamén se concederán axudas para dotar aos montes de infraestruturas preventivas necesarias para unha efectiva actuación en caso de ter que combater lumes, tales como a construción de depósitos ou puntos de abastecemento de augas. De igual xeito, serán subvencionables intervencións de silvicultura preventiva, de reforestación, e mesmo redacción de proxectos técnicos e informes de intervención arqueolóxica cando a zona na que se vai a traballar estea afectada por unha área de protección.