Punto e final para ‘Son [do verbo ser]’, unha experiencia para os cinco sentidos

Uxía Gonzalo e Uxía Caneda crearon un Traballo de Fin de Grao inmersivo cunha mostra de cadros que ten como fío condutor a música e dará fin o próximo 23 de setembro no Grove
Uxía Gonzalo e Uxía Caneda. DS
photo_camera Uxía Gonzalo e Uxía Caneda. DS

Hai Traballos de Fin de Grao que deixan desenvolver a creatividade ata o máximo e así foi o caso das dúas estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, Uxía Caneda e Uxía Gonzalo que, á parte de compartir nome, xuntas crearon a exposición inmersiva Son [do Verbo Ser].

As dúas rapazas teñen claro que con este proxecto "queremos, a través do concepto de sinestesia, evocar cada un dos cinco sentidos mediante a pintura, a música, texturas, olores e sabores". Para quen non o coñeza, a sinestesia é, segundo a Real Academia Galega, unha figura retórica que consiste na asociación de dúas palabras relativas a dominios sensoriais distintos. "Pretendemos que conducido por todos estes estímulos, o espectador se vexa inmerso na historia que relatamos", declarou Uxía Gonzalo.

A composición fórmana seis cadros, realizados por Uxía Gonzalo, unha moza de 22 anos de Meaño, acompañados de seis cancións que compuxo Uxía Caneda, da mesma idade e de Santiago de Compostela.

Así, estes cadros están baseados nas Rías Baixas. "Xorde nun momento en que ambas vivíamos fóra da nosa terra, polo que a morriña, a nostalxia, os momentos que estabamos a pasar e as Rías Baixas ocupan un lugar privilexiado na exposición", declarou a artista dos cadros. "A min ocorréuseme contar a historia a través dos cadros e, Uxía e eu sempre quixemos facer algo xuntas asi que pensamos en mesturar as cousas que sabíamos facer, pintar e a música", declarou Gonzalo.

Despois de moitos meses de traballo, inauguraron esta exposición en plena Semana Santa na Sala Nauta de Sanxenxo, onde contaron coa colaboración de Bodegas Martín Codax, de xeito que para poder ver os cadros recomendan beber unha copa de viño e así, estimular o sentido do sabor. Tamén estiveron expoñendo no lugar onde naceu a súa amizade, na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago de Compostela e, os seus cadros e a súa música, incluso viaxaron ata Burgos, para ser expostos alí.

Son do verbo ser

O funcionamento do traballo está dividido en dúas actividades. A primeira consiste en proxeccións guiadas da exposición, onde un grupo de persoas experimenta a exposición e, durante esta experiencia, a música soará de maneira continuada dirixindo aos asistentes dun cadro a outro. Ademais, ao lado de cada cadro hai un QR co que, a través do móbil, visiónase a realidade aumentada correspondente a cada obra, unha idea que xurdiu grazas ao seu titor do traballo, que lles axudou a realizar unha realidade virtual onde os cadros dótanse de vida. Esta parte ten unha duración aproximada de dez minutos. A segunda actividade que recomendan consiste en escoitar un podcast, xa pola propia conta, que explica a verdadeira historia deste traballo.

Así, cada cadro transmite un momento na vida de Uxía Gonzalo e seguen un orde que elas mesmas recomendan non perder. O primeiro en iniciar a é Las simples cosas, oba na que se representa unha parte da Ermida da Lanzada, que para a autora é un lugar que lle aporta paz e tranquilidade; continúa Díxomo o abuelo Manolo un cadro sinxelo no que se representan dúas rosas brancas e que para Uxía Gonzalo amosa "a dúas persoas separadas que necesitan sentirse xuntas, pousan a mesma flor (dous rosas blancas) nos seus lugares favoritos pero en distintas cidades".

Unha das obras da exposición. DS
Unha das obras da exposición. DS

O proxecto continúa co cadro titulado Cando as olas rompan que, como o nome indica, representa unha ola do mar rompendo. Para artista este cadro representa un momento no que se sentiu perdida, un momento de ansiedade. Pero, igual que o mar representa o malestar tamén representa a calma e así o quixo mostrar co cadro O mar se sinta en calma. Coa chegada deste momento de paz, a obra comeza a mostrar consigo unha parte máis positiva, pois chega o cadro Mirar con outro ollos, onde se representa unha mariposa que significa "un momento e cambio e transformación", segundo Uxía Gonzalo. Para darlle fin aos cadros, a música comeza a ser xa moito máis animada e diríxese a Nós un cadro que representa un atardecer na Praia da Lanzada e síntese como un renacer.

Aínda que como proxecto de fin de grao xa está rematado, elas teñen claro que non querían darlle un final a este traballo que as avalanzou ao mundo e seguen a querer mostralo por diferentes zonas.

Estas dúas compañeiras que comparten ata o nome teñen claro que a súa obra "foi creada para contar unha historia real e moi triste e que, grazas aos cadros foi posibles superar ese momento. Por eso con eles queremos pechar o círculo. Ademais, cremos que en algunha parte podemos axudar á xente que pasou por momentos semellantes".

Rakayo Clothing

Cando as olas rompan e O mar se sinta en calma converteuse no lema dun dos suadoiros da marca de Portonovo e inspirada no mar Rakayo Clothing.

Antes de comezar a pintar os cadros Uxía Gonzalo pensou que podía ser boa idea que esta marca colaborara no seu proxecto, xa que para ela o mar tamén importante, "tiñamos que escoller o cadro perfecto para o suadoiro". Así foi como Cando as olas rompan quedou estampado na roupa, "Representamos un suadoiro que conta a historia do cadro buscando a sinerxía coa vibra rakayo", comenta. Co nome Son Rakayo Hoodie esgotouse as primeiras en oito minutos e a segunda venta en tres horas, vendendo 100 suadoiros. Agora, dando fin ao seu proxecto van volver a sacalas para vendelas na exposición que terán no Grove dende o 18 ata o 23 de setembro.

Unha exposición que conta a historia de estar lonxe da casa das dúas estudantes, aproveitando o mellor delas, a música e pintar, para contar un conto inmersivo ao que agora xa darán fin.

Próxima exposición
Tras levar as súas obras por distintos puntos de Galicia e incluso de España a súa próxima parada será o municipio de O Grove onde exporán durante a semana do luns 18 ao sábado 23 de setembro en Galería Besada. Porén, esta exposición trae consigo un evento especial, que se celebrará o venres 22 de setembro onde a música do proxecto será en directo e, os cadros que estiveron tanto tempo xunto delas e contan a súa historia, poñeranse a venta con fin benéfico, pois o cincuenta por cen será destinado a unha asociación. Ademais, nesta exposición poderánse mercar os suadoiros que teñen xunto a empresa local Rakayo Clothing. e volverá a colaborar Martín Codax.

Os cinco sentidos estarán a proba de lume para dar fin a un traballo que as recoñeceu como artistas e permanecerá sempre dentro delas. Unha exposición inmersiva que foi máis lonxe das salas, chegando á roupa e ata aos sabores dos asistentes ao evento. Preparadas, por fin, para dar fin a moitos meses de traballo.