Vilagarcía acende o Nadal este venres coa presenza de Papá Noel e Uxía Lombona

O grupo Troula caldeará o ambiente dende as 18.30 cun divertido espectáculo de pasarrúas titulado A luz do camiño
Encendido de luces de Navidad en Vilagarcía. DS
photo_camera Encendido de luces de Navidad en Vilagarcía. DS

O Nadal de Vilagarcía arranca este venres, 1 de decembro, coa festa de prendido da iluminación decorativa que, como en anos anteriores, terá lugar na Praza de Galicia. Ademais das acostumadas visitas de Papa Noel e do Elfo Rodelfo, a celebración organizada pola Concellería de Cultura inclúe este ano unha potente animación de rúas a cargo do grupo Troula e o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Os actos comezarán ás 18.30 horas, aínda que a gran árbore de Nadal que preside a praza acenderase ás 19.00, ao igual que o resto das luces que decorarán as rúas da cidade durante estas entrañables festas. O alcalde, Alberto Varela, presidirá o acto que cada ano reúne a milleiros de persoas no centro da cidade e que será traducido á linguaxe de signos, como nas edicións anteriores.

O departamento que dirixe Sonia Outón xa rematou cos preparativos para a gran festa deste venres. As actividades arrancarán ás 18.30 horas para ir quentando o ambiente. Será a esa hora cando Papa Noel e toda a súa comitiva de elfos sairán da Praza da II República para percorrer as rúas do centro da cidade e convidar ás persoas que se vaian atopando a acompañalos ata a Praza de Galicia para asistir ao prendido do alumeado. Acompañaraos o grupo Troula co seu vistoso e divertido espectáculo A luz do camiño, con patinadores e percusionistas.

Á mesma hora comezará o acto na Praza de Galicia, onde xa se atoparán o Elfo Rodelfo e a presentadora Erea Hierro para ir animando ao público con xogos de participación e co ensaio do recibimento co que agasallarán a Papa Noel. O alcalde, Alberto Varela, tamén subirá ao escenario para darlle á benvida, un ano máis, a Vilagarcía. Xa con todos os convidados no escenario e coas agullas do reloxo apuntando ás 19.00 horas, as voces dos asistentes corearán a conta atrás e o Préndete co que se acenderán de xeito simultáneo á arbore da Praza e todo o alumeado de Nadal da cidade.

A festa non rematará aí xa que, seguindo a tradición e atendendo aos desexos dos nenos e nenas, Papa Noel recibirá un a un a todos os cativos que desexen saudalo e contarlle as súas peticións. Para facelo de xeito ordenado, comezarase cos máis pequenos e aqueles rapaces que precisen acompañamento ou non poidan achegarse polo seu propio pé.

E para facer moito máis divertida e amena a espera, todos os presentes na Praza de Galicia poderán cantar e bailar as coñecidas cancións e as divertidas e modernas versións de temas populares realizados por Uxía Lambona que, xunto coa Banda Molona, ofrecerá un concerto de unha hora de duración.

Será ao remate da actuación e da recepción cando Papa Noel se despida e marche na súa carroza facendo outro percorrido polo centro da cidade.