Comezan as obras de mellora dos servizos básicos na rúa Quinteiro

Renovarase a rede de saneamento, mellorarase a recollida de pluviais e reporase o firme
Alcantarillado en la rúa Quinteiro, Trabanca Sardiñeira, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alcantarillado en la rúa Quinteiro, Trabanca Sardiñeira, Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A adxudicataria da obra de mellora dos servizos básicos na rúa Quinteiro, en Trabanca Sardiñeira, comezou a executar os traballos que permitirán renovar as deficitarias redes de saneamento e de recollida de pluviais da zona, así como arranxar o deteriorado firme. O Concello inviste 76.010 euros na actuación que está a desenvolver a empresa Montajes J.M. Iglesias e que ten un prazo de execución de un mes.

Aínda que a rúa Quinteiro dispoñía xa do servizo de saneamento, presentaba numerosas deficiencias debido ao deterioro do mesmo pola antigüidade das canalizacións de fibrocemento. Cos traballos que se están levando a cabo substituiranse as tubaxes actuais por outras PVC que se conectarán mediante gravidade coa rede xeral de saneamento que discorre polas proximidades.

O proxecto prevé tamén a renovación do pavimento xa que o actual se atopa moi deteriorado, con afundimentos que nos días de intensas precipitacións favorecen a formación de bolsas de auga que dificultan o tránsito dos veciños e o acceso ás vivendas. Previamente, e para evitar esta situación, a actuación completarase coa instalación dun sistema de drenaxe, canalización e recollida das augas brancas que tamén se conectará coa rede de pluviais existente na zona da rúa da Fonte de Trabanca.