Ravella, o lugar onde setenta parellas decidiron darse o "si, quero" no 2023

Paola María foi a concelleira que máis vodas oficiou e Álvaro Carou o segundo, cambiando así a orde do ránking do ano anterior ▶ O período de maio a setembro foi no que se concentrou o maior número de celebracións, sendo xullo o mes no que Ravella acolleu máis casamentos

Imagen de una boda. DS
photo_camera Imagen de una boda. DS

En 2023 non houbo mes do ano no que no Concello de Vilagarcía non se oficiara algún matrimonio civil. En total foron 70 os casamentos realizados en Ravella no ano que ven de rematar, o último deles, o pasado sábado 30 de decembro. Deste xeito, o 2023 foi o segundo exercicio no que máis vodas se celebraron no consistorio dende que a lei o permite. O récord bateuse en 2022, con 79. Do libro de vodas do Concello despréndense outras curiosidades, como que a tempada alta de cerimonias situouse entre maio e setembro, e que Paola María foi a concelleira máis casamenteira ao ter oficiado 18 matrimonios.

Febreiro foi o mes de 2023 menos elixido, cunha única celebración en Ravella; e xullo, xuño e maio os máis concorridos, con 11, 9 e 9 cerimonias respectivamente. Os outros dous meses con maior afluencia foron agosto e setembro, con 8 e 7 celebracións en cada un deles. 6 parellas optaron por casarse en outubro, as mesmas que en novembro, 4 en xaneiro e en marzo, 3 en abril e 2 en decembro.

A competencia de oficiar os casamentos civís nun Concello corresponde por lei ao alcalde que, non obstante, pode delegar en calquera membro da Corporación por asuntos de axenda ou a petición expresa dos noivos. Como consecuencia a esta disposición, en Vilagarcía oficiaron matrimonios civís varios concelleiros da Corporación, tanto do goberno como da oposición. 12 foron os edís que presidiron as cerimonias.

En canto ao ránking de concelleiros máis casamenteiros, os postos de cabeza intercámbianse respecto ao exercicio anterior, xa que Paola María situouse no máis alto do podio ao ter casado a 18 parellas e Álvaro Carou pasou ao segundo lugar con 13. O terceiro posto ocupouno Tania García con 10 vodas oficiadas; o cuarto o alcalde, Alberto Varela, con 8; e o quinto Sonia Outón, con 7. E na última parte da táboa figuran Ana Granja, con 4; Lino Mouriño, con 3; Alba Briones e Diego García, con 2 respectivamente; e Miro Serén, Juan Fajardo, Elena Rodríguez, con unha cerimonia cada un deles.

Pero non só presidiron casamentos. Incluso houbo un concelleiro que se casou no Concello en 2023. Foi Juan Fajardo, que contraeu matrimonio coa súa parella nunha cerimonia oficiada por Ana Granja.

O Concello de Vilagarcía leva 28 anos celebrando vodas civís. A primeira tivo lugar na primavera de 1995 e, dende entón, suman 1.085 as parellas que elixiron o consistorio para contraer matrimonio pola vía civil.

Dous tipos de vodas a elixir os sete días da semana

Os noivos que elixen o Concello para casar poden optar pola voda administrativa ou pola cerimonial. As primeiras poden celebrarse de luns a venres en horario laboral do Concello e consisten na firma da documentación na Alcaldía. A voda cerimonial pode celebrarse polas tardes, fins de semana ou festivos, teñen lugar no Salón Nobre, coa presenza de convidados, e a escalinata principal do Concello cóbrese coa alfombra vermella.

Tamén nesto das vodas civís cambian as modas e costumes. Duns anos cara aquí estanse a celebrar vodas cerimoniais tamén en días laborais a petición dos noivos. Tamén hai casos, aínda que os menos, nos que a parella contraínte pide celebrar a voda civil no mesmo lugar no que ofrecen o banquete, como pazos ou casas rurais do municipio.

Dende o ano 2007, as vodas cerimoniais conlevan a aplicación dunha taxa correspondente aos gastos de apertura do Concello fora de horario laboral e do persoal preciso para a posta a punto do salón nobre. Dende 2015, a taxa mantense en 78,05 euros.