A rexeneración do Barrio dos Duráns aborda a primeira fase da humanización de Aquilino Iglesia Alvariño

O Concello de Vilagarcía saca a licitación a obra cun investimento de 178.756 euros e un prazo de execución de seis meses
Imagen do barrio de Os Duráns. GSV
photo_camera Imagen do barrio de Os Duráns. GSV

O plan de rexeneración urbana do barrio dos Duráns dará nos vindeiros meses un novo paso coa humanización do primeiro tramo da rúa Aquilino Igles ia Alvariño. O Concello vén de licitar a obra que agarda transformar esta vía "nun espazo agradable, seguro e accesible, de uso combinado entre persoas e vehículos, pero con prioridade peonil". Ademais, derribarase o muro que estreita a vía na intersección da rúa Eduardo Pondal, ampliando o espazo público e desfacendo un perigoso pescozo de botella. A actuación licítase por 178.700 euros e un prazo de execución de seis meses, polo que as empresas dispoñen de prazo ata o 11 de outubro para presentar propostas.

O proxecto encargado polo Concello afectará ao primeiro tramo de Aquilino Iglesia, o que vai dende a rúa Os Duráns –a primeira que se humanizou- ata a intersección coa de Eduardo Pondal. Deste xeito acondiciónase o acceso principal ao parque dos Duráns, unha zona de recreo moi frecuentada tanto polos veciños dos bloques de vivendas desa zona como do resto do barrio.

A actuación conformarase nunha vía de plataforma única na que o uso de vehículos limitarase ás entradas a garaxes, así como ao párking do supermercado. A circulación permitirase nun único sentido e a través dun carril que terá tres metros de ancho en toda a súa lonxitude. Isto será posible, como xa se dixo, grazas ao derribo do muro da finca que quedaba fora de aliñación, unha actuación posible despois de que o Concello lograse a cesión gratuíta dos terreos que permitirán ensanchar a rúa nesta zona e, nunha segunda fase, ensanchar o tramo de Aquilino Iglesia que discorre en paralelo ao parque infantil.

Gardenias con rego programado, bancadas e luminarias led

Así, os 942 metros cadrados de superficie nos que se vai a actuar converteranse nunha zona axardinada, dotada de mobiliario urbano que se utilizará para crear unha liña de xogos de axilidade especialment e pensado para o divertimento dos nenos e nenas. A ornamentación vexetal farase colocando xardineiras con gardenias ao remate de cada bancada. Instalarase un sistema de rego programado e colocaranse papeleiras e novas luminarias de tecnoloxía led.

O solado construirase con pavimento continuo de formigón fratasado a máquina para endurecelo. Posteriormente tratarse con cepillos metálicos para conseguir acabados con distintas texturas, cores e cortes perpendiculares que rompan a monotonía e melloren a estética do conxunto.

Renovación das redes de abastecemento e saneamento

Máis alá da actuación en superficie, seguindo as directrices marcadas polo goberno local en todos os proxectos de humanización, a actuación prevé tamén a renovación dos servizos básicos. Así, substituiranse as canalizacións das redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais, reparando especialment e na recollida separativa das augas, e axustando os servizos ás necesidades actuais dunha zona densamente poboada como é o barrio dos Duráns. Igualmente, soterrarase o tendido do alumeado público e as canalizacións dos servizos de telecomunicacións.