O pregón de Meryfos e as actuacións de Leo Bassi e Don Patricio inician o San Roque

Este venres comezarán as festas patronais da cidade co pregón ás 20.30 e a ofrenda floral que obrigará a cortar o tráfico
Pregón Xoanqui Ameixeiras Fiestas de San Roque Vilagarcía. ANXO LORENZO
photo_camera Xoanqui Ameixeiras foi o encargado da lectura do pregón na pasada edición das festas. ANXO LORENZO

Vilagarcía de Arousa dá comezo as festas patronais de San Roque este venres 11 de agosto cunha potente axenda na que, ademais dos actos tradicionais, como pode ser a lectura do pregón e a ofrenda floral ao Santo Patrón, haberá dous potentes espectáculos: a actuación de Leo Bassi no Auditorio no marco do Festaclown e o concerto de Don Patricio na Xunqueira. 

O pistoletazo de saída darase as 20.30 horas na Praza de Ravella coa lectura do pregón a mans da xornalista María Foscaldo, máis coñecida en redes sociais como MeryFos. Afincada en Vilagarcía suma máis de 150.000 seguidores en TikTok e Instagram, onde popularizou á personaxe Virtudes de Galiñanes, alias a repunante. A pregoeira declarou que fará un pregón divertido no que igual aparece este personaxe. Como se vén facendo dende o 2019, a lectura traducirase á lingua de signos. 

A Banda de Música de Vilagarcía e as agrupacións sociais e culturais reuniránse na Praza de Ravella e, unha vez rematado o pregón, desprazaranse camiñando ata a Praza de España para participar na ofrenda floral ao Santo Patrón. A comitiva desfilará polos Xardíns de Ravella, a Rúa Ramón y Cajal, a Praza de Galicia, as rúas Castelao, Xeneral Pardiñas e Covadonga para rematar ante a igrexa de Santa Baia de Arealonga, onde ás 21.00 horas comezará a homenaxe a San Roque.

A primeira noite das festas de San Roque estrearase cun concerto gratuíto do artista urbano Don Patricio no Parque da Xunqueira, quen se fixo coñecido no 2019 ao sacar a canción Contando Lunares, éxito co que foi nomeado a diversos premios musicais españois e obtendo o galardón de Mellor Artista Urbano 2019.  

Festaclown

Por outro lado, Leo Bassi subirase ao escenario do Auditorio as 21.00 horas para inaugurar oficialmente o Festaclown, evento que apadriña co seu novo espectáculo. O irreverente bufón italiano é un home comprometido que considera que o pallaso debe mirar directamente ao poder, mofarse del e denuncialo mediante a risa. Chega a Vilagarcía o seu último traballo, 70, no que a través da súa memoria descobre que hai que volver ao humanismo e aos institntos. Esta é a única actividade do Festaclown para a que haberá que adquirir entrada. Venderanse no Auditorio a partir das 20.00 horas ao prezo de 5 euros. O espectáculo está recomendado para público a partir dos 16 anos. 

Cortes de tráfico

Debido á lectura do pregón e a ofrenda floral, este venres pola tarde o tráfico estará cortado na Avenida Juan Carlos I e no acceso á Praza España. O corte será a partir das 20.15 horas. Ademais, os estacionamentos das rúas polas que discorrerá a comitiva deberán quedar despexados por completo a partir das 18.00 horas. 

A avenida Juan Carlos I pecharase ao paso de vehículos dende a estación de servizo de San Roque ata a confluencia da avenida Rosalía de Castro coa rúa Colón. En cada punto de corte haberá un axente que autorizará o acceso a garaxes aos vehículos que non precisen chegar ata a Praza de Ravella, sempre que as circunstacians o permitas. 

Os usuarios de vaos e os residentes no barrio de Os Duráns deberán dirixirse pola avenida Rosalía de Castro e posteriormente por López Ballesteros. O acceso rodado á Praza de España, onde se atopa a igrexa de Santa Baia de Arealonga, cortarase minutos antes do inicio da ofrenda floral, previsto para as 21.00 horas, dende a intersección da avenida do Doutor Tourón coas rúas Fariña Ferreño e Alejandro Cerecedo. Permanecerá pechado ao tráfico ata o remate da ofrenda.