Vilagarcía ofrecerá cursos de pilotaxe de drons, impresión 3D e realidade virtual

Ofértanse 20 prazas de balde en cada unha das modalidades e os interesados deben inscribirse no Centro de Formación de Matosinhos de luns a venres en horario de 8.30 a 13.30 horas
Os cursos de drons chegarán a Vilagarcía. DAVID FREIRE
photo_camera Os cursos de drons chegarán a Vilagarcía. DAVID FREIRE

A Concellería de Formación e Emprego organiza tres novas actividades incluidas na programación de Inclusión e Capacitación Dixital promovida polo Concello de Vilagarcía. Trátase de cursos básicos de iniciación de pilotaxe de drons, impresión 3D e realidade virtual, que se impartirán a partir de setembro nas dependencias da aula CEMIT do Centro de Formación de Matosinhos.

Estas actividades están dirixidas a persoas maiores de 18 anos, a participación é de balde e ofértanse 20 prazas en cada actividade. Os interesados deben inscribirse no Centro de Matosinhos de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas.

O curso sobre Conceptos básicos para pilotos de drons ten unha duración de 20 horas nas que os asistentes recibirán formación, con actividades prácticas, sobre o marco legal que regula esta actividade, sobre os principios xerais do voo con drons e sobre os procedementos operacionais.

Os outros dous cursos teñen un temario a desenvolver en 15 horas lectivas cada un. No de Introdución á tecnoloxía de impresión 3D, o alumnado abordará aspectos relativos ao software de modelado e aos materiais a utilizar e farán probas de impresión e validación. Pola súa banda, no curso de Iniciación á realidade virtual, os participantes recibirán uns conceptos básico s a modo de introdución, coñecerán os usos desta tecnoloxía e a utilidade e funcionamento das gafas de realidade virtual, que tamén poderán probar.

Outros 17 cursos sobre o uso das TIC

Estas non son as únicas actividades formativas en materia de novas tecnoloxías que a concellería que dirixe Álvaro Carou ofrece aos vilagarciáns. De feito, estanse a impartir novos cursos das 17 accións formativas do programa de inclusión e capacitación dixital correspondente ao ano 2023, aos que os interesados poden inscribirse acudindo ao mesmo Centro de Formación de Matosinhos.

Estos cursos gratuítos, que se adaptan ao nivel de coñecemento dos participantes e ao manexo das novas tecnoloxías dos alumnos, están pensados tanto para romper a brecha dixital e facilitar o uso cotiá destas novas tecnoloxías, como para avanzar máis aló ofrecendo a formación necesaria para a procura e mellora de emprego.

A carta ofertada inclúe diferentes temáticas entre as que os participantes poden elixir dentro de cinco grandes bloques: Inclusión dixital, Ofimática en software libre, Orientación ao emprego, Capacitación avanzada e ferramentas TIC e Administración electrónica.