Os puntos de carga para vehículos eléctricos chegán ás prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán

A Xunta de Goberno Local adxudicou a Lumea Soluciones Eléctricas por importe de 84.790 euros o contrato para a instalación dos equipos na primavera
Plaza de Abastos de Vilaxoán, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Plaza de Abastos de Vilaxoán, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía dotará de estacións de carga para vehículos eléctricos ás prazas de abastos de Vilagarcía e Vilaxoán. A Xunta de Goberno Local adxudicou na mañá deste luns á empresa Lumea Soluciones Eléctricas a instalación das bases xunto cun sistema fotovoltaico para proporcionar enerxía ao mercado público vilagarciá. A actuación, incluída no proxecto Vilagarcía Viva, supón un investimento de 84.790 euros a financiar cos fondos europeos do Next Generation destinados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto ten un prazo de execución de 25 días, polo que deberá estar finalizado en primavera.

A actuación ten como obxectivo continuar avanzando na modernización dos mercados públicos municipais en base a criterios de sustentabilidade. Neste caso concreto, para potenciar o uso de vehículos eléctricos, o Concello instalará unha base de carga na Praza de Vilagarcía (na zona do pavillón da verdura) e outra na de Vilaxoán. As estacións servirán para abastecer aos vehículos municipais -como o que se vai adquirir para o reparto dos produtos dos mercados de abastos-, pero tamén permitirá que calquera cidadán con vehículo eléctrico poida cargar neles como en calquera estación de servizo privada.

A maiores, tamén se instalará un sistema fotovoltaico para autoconsumo colectivo na Praza de Abastos de Vilagarcía, o que lle permitirá aproveitar a enerxía solar para xerar electricidade coa que abastecer á instalación municipal. A maiores da repercusión económica positiva que terá nas arcas locais debido ao aforro na compra de electricidade, a aposta polas enerxías limpas e renovables tamén supón un beneficio para o medio ambiente.