A OMIC organiza novas charlas sobre a factura da luz e os dereitos dos consumidores

Técnicos do Instituto galego de Consumo e Competencia serán os encargados de impartir as sesións os días 12 e 13 de abril pola tarde

Imagen recurso de una bombilla. DS
photo_camera Os prezos da luz e do gas, os distintos tipos de contratos ou a publicidade serán algúns dos temas das xornadas. DS

A Oficina Municipal do Consumidor de Vilagarcía (OMIC) organiza a semana que vén dúas charlas para informar á poboación sobre dous dos asuntos que máis consultas e reclamacións están xerando nos últimos anos: a factura da luz e os servizos bancarios e financeiros. As sesións, abertas a todo o público que desexe información e asesoramento, celebraranse na sala de conferencias do Auditorio Municipal, o mércores 12 e o xoves 13 de abril a partir das 17 horas.

A problemática que se está dando cos prezos da luz e do gas, os distintos tipos de contratos, a publicidade enganosa sobre ofertas, as diferenzas entre o mercado libre e regulado e a complexidade para interpretar da factura non é nova, por iso a OMIC de Vilagarcía xa organizara o ano pasado unha charla informativa ao respecto contando coa colaboración do Instituto Galego de Consumo e da Competencia. A sesión do mércores 12 de abril será a dedicada exclusivamente á temática do consumo eléctrico e será impartida por unha técnica do IGCC.

A raíz do recorte de atención presencial, o intento de retirada das libertas bancarias, a case obriga de que o usuario teña que realizar os trámites de forma en liña, a desatención ás persoas maiores ou as comisións abusivas son algúns dos asuntos que se abordarán na charla informativa do xoves, 13 de abril. Tamén será un técnico do IGCC quen informe aos asistentes sobre os seus dereitos como consumidoras dos servizos bancarios e financeiros, así como o xeito de proceder ante calquera dúbida ou caso que requira tramitar unha reclamación.