O Goberno local inicia a pavimentación de Doutor Carús, Concepción Arenal e O Ramal

O executivo aproveita a tregua meteorolóxica para dar comezo aos traballos
Estado actual da praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Estado actual da praza de Doutor Carús. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O cese das chuvias durante a xornada deste xoves e venres permitirá rematar as obras de mellora do firme que se están executando en distintas zonas do municipio. En concreto, as empresas Galsur e Marconsa avíanse para rematar os traballos de pavimentación da praza Doutor Carús, da praciña situada tras o centro social do Ramal e da rúa Concepción Arenal. O Concello inviste nestas tres actuacións 69.400 euros que se financian cos remanentes dos orzamentos de 2022.

Os traballos xa foron adiantados nos últimos días polo que, si se manteñen as previsións meteorolóxicas, a idea é dedicar estas dúas xornadas a botar o aglomerado para que os tres espazos queden operativos a fin de semana. O pintado da sinalización horizontal realizarase a continuación, sempre dependendo de que se manteña o tempo seco para que a pintura se adhira convenientemente.

Operarios de Galsur estiveron traballando onte no fresado do deteriorado firme na praza Doutor Carús, co que hoxe xa se pode pavimentar en condicións. Tamén se elevarán as arquetas dos distintos servizos para que queden a nivel e, como se dixo, a actuación completarase co repitando das marcas viarias.

A obra da praciña do Ramal requiriu máis pasos xa que se trataba dunha superficie de terra que presentaba numerosas fochancas. Por iso previamente houbo que nivelar o terreo e estender unha base de xabre para agora poder levar a cabo a pavi mentación a base de aglomerado. Ademais, para evitar a acumulación de auga na superficie, instalouse unha canalización para a recollida de pluviais.

Marconsa é a firma á que se lle adxudicaron os traballos de renovación da capa de rodadura da rúa Concepción Arenal. Tamén aquí se fixeron nos últimos días os traballos previos de fresado e varrido mecánico da superficie para acondicionar o firme de cara ao asfaltado final. Como nos outros casos, o pitado da sinalización realizarase de seguido, sempre que non chova.