Vilagarcía anima á veciñanza a participar na enquisa sobre as medidas para combater o cambio climático

A consulta inscríbese nos traballos de seguimento do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía
 
O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS

O Concello anima aos veciños e veciñas de Vilagarcía a que participen na enquisa sobre as medidas que colectiva e individualmente debemos adoptar para loitar contra o cambio climático e en favor dun uso racional das fontes de enerxía. A consulta, xa dispoñible na web oficial do concello, www.vilagarcia.gal, forma parte do denominado informe de seguimento do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía (PACEs) no que Vilagarcía participa a activamente xunto con outras 10.000 entidades locais de 60 países do mundo.

O plan ten por obxecto, por unha banda, mitigar os efectos indesexables do cambio climático e, pola outra, adaptarse á nova situación creada. As preguntas da enquisa van nesta liña. Os veciños e veciñas de Vilagarcía poderán opinar libremente, e de xeito anónimo, sobre si están de acordo con que se dedique unha partida dos orzamentos municipais a desenvolver accións específicas para a crise climática, entre outras cuestións.

Por outro lado, hai tamén preguntas enfocadas ao coñecemento das condutas dos propios cidadáns. Pregúntase sobre como se reduciu o gasto enerxético individual, tamén sobre a posible instalación de paneis solares ou o cambio de ventás. Do mesmo xeito, inquírese sobre o uso das enerxías de fontes renovables e sobre o coñecemento da existencia de comunidades enerxéticas locais.

En canto ao bloque de Adaptación, na consulta pregúntase sobre as consecuencias que pode ter sobre a economía local o cambio climático e acerca das que se considera que van a afectar máis. Por último, a enquisa inclúe un terceiro bloque, dedicado á Loita contra a pobreza enerxética. Neste punto pregúntase ao veciño/a se tivo algún retraso no pago das facturas das subministracións ao fogar nos últimos cinco anos e tamén se apoiaría que o concello puxera en marcha un bono social para aqueles que máis difícil teñen afrontar os gastos en enerxía.

COÑECER PARA DECIDIR. A toma de datos por parte da empresa Inova, tanto externos, como é o caso das enquisas cidadáns, coma internos, as consultas aos propios técnicos municipais, posibilitan facer unha radiografía moi aproximada do estado da cuestión na cidade, base para adoptar as medidas de mitigación, adaptación e de loita conta a pobreza enerxética. Unha desas medidas, por exemplo, a que se refire ao consumo eléctrico, permitiu ao concello aforrar máis de 300.000 euros nos últimos catro anos.

O Concello insta, polo tanto, á veciñanza a participar activamente neste pacto polo clima, porque as proxeccións son en si mesmas unha chamada á reflexión. Segundo o análise inicial do PACEs respecto de Vilagarcía, e tendo en conta que nos últimos 30 anos a temperatura media subiu un grao, de seguir como estamos, sen tomar medidas, para o ano 2100 as precipitacións poderían baixar entre un 3 e un 5% e as temperaturas máximas subir entre 1,5 e 3,5 graos; e pasaríamos de 37 noites cálidas ao ano a entre 68 e 84, mentres que as noites de xeada (12,3 actualmente) se reducirían á menos da metade.