Vilagarcía adxudica a ampliación do saneamento en Pica e Travesía Veiga do Mar tras a autorización de Portos

A actuación será executada pola empresa Montajes J.M. Iglesias por 34.275 euros e resolverá un problema de asolagamento provocado pola choiva
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de adxudicar á empresa Montajes J.M. Iglesias a obra de ampliación e mellora do saneamento na Rúa Pica e travesía Veiga do Mar, en Vilaxoán, despois da luz verde de Portos de Galicia, coa autorización da actuación. Os traballos, que beneficiarán a un grupo de vivendas situado na zona, supoñen o investimento de 34.275 euros e contan co prazo de execución dun mes.

O proxecto proposto pola Concellería de Obras e Servizos ten como obxectivo resolver o problema de asolagamento que se produce no rueiro cando chove de xeito intenso. Tendo en conta que as vivendas da Rúa Pica se atopan nuns terreos situados a diferente cota que a do actual entramado da rede de saneamento, foi necesario que o proxecto incluíra a instalación de sistemas de bombeo e impulsión que permitan prestar axeitadamente o servizo a ese núcleo, una medida que, segundo o Goberno local, "encareceu a actuación".

No que respecta aos embolsamentos de auga que se producen en circunstancias de choiva intensa, e que dificultan tanto o tránsito peonil pola rúa como o acceso ás propias vivendas, o problema atallarase coa canalización das augas pluviais polas cunetas cara a travesía Veiga do Mar, para conectalas coa rede existente na Rúa Preguntoiro. Es e punto atópase en terreos titularidade de Portos de Galicia, polo que foi preciso contar coa súa autorización.

Os traballos inclúen a dotación dos sistemas de impulsión e construción de arquetas nos límites das propiedades, así como canalizacións da rede de saneamento cos seus pozos de rexistro e unha rede de pluviais, tras o que se procederá a pavimentar o vial.