Aparcar mal o coche, a infracción máis común nas rúas de Vilagarcía

Motivou o 94% do total das denuncias cursadas pola Policía Local en 2023 ▶ O corpo tramitou o ano pasado 9.413 expedientes sancionadores dentro das competencias que a lei outorga aos concellos en materia de tráfico 
Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Policía Local de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

No marco das competencias que a lei outorga aos concellos en materia de tráfico, a Policía Local de Vilagarcía tramitou en 2023 un total de 9.413 denuncias por infrinxir diferentes aspectos da normativa de circulación dentro do termo municipal. Segundo se recolle na memoria anual do servizo, a actividade sancionadora incrementouse un 33% ao terse rexistrado 2.337 denuncias máis que o ano anterior. Un dato a ter en conta é o relativo á actividade do dispositivo móbil de lectura de matrículas instalado nun dos coches patrulla do Corpo, a través do cal se detectaron 3.535 das infraccións. Da memoria tamén se extrae un dato que se vén repetindo de forma constante ano tras ano: a causa que motivou a inmensa maioría das denuncias de tráfico (o 94% do total) foi o estacionamento indebido, polo cal se formularon 8.848 denuncias.

En relación aos incumprimentos da normativa relativa aos estacionamentos, a memoria concreta que 2.465 denuncias foron por aparcar en zona de carga e descarga, 1.171 en zona peonil e 909 por non respectar unha sinal de estacionamento prohibido. Por estacionar enriba da beirarrúa ou de pasos de peóns cursáronse 763 expedientes, e por facelo ocupando un carril de circulación 557. En menor número tamén se rexistraron 419 infraccións por incumprimento da normativa de estacionamento en zona azul, 354 por deixar o coche na zona do mercado nos horarios non permitidos, 316 por deixar o vehículo sobre franxas da sinalización viaria, 243 por ocupar paradas de bus e 236 por estacionar en liña amarela.

Os casos denunciados por conducir baixo os efectos de alcohol ascenderon a 247 e polo consumo de drogas a 143. En canto a outros motivos que supoñen un risco para a condución, presentáronse 98 denuncias por non levar posto o cinto de seguridade e outras 77 por conducir á vez que se usaba o teléfono móbil.

Carecer de seguro e non ter actualizada a ITV

A maiores dos asuntos de competencia municipal, a Policía Local tamén dou traslado á Dirección General de Tráfico de 706 infraccións detectadas no municipio pero cuxa capacidade sancionadora corresponde ao organismo estatal. Delas, 423 debéronse a vehículos que non tiñan pasado a ITV en tempo, 145 a carecer de seguro e 138 a causas varias.

En canto á tipoloxía, a maior parte das infraccións detectadas pola Policía Local en 2023 foron de carácter "leve", en concreto 7.179 fronte as 1.774 tipificadas como "graves" e as 460 como "moi graves".