Ana Granja propón para Vilagarcía un cambio "aquí e agora"

A candidata do Partido Popular presentou ao seu equipo nun acto no que estivo arropada por Luis López e Ana Pastor
Presentación da candidatura de Ana Granja polo Partido Popular en Vilagarcía. DS
photo_camera Presentación da candidatura de Ana Granja. DS

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, sinalou este domingo que “Vilagarcía de Arousa quere unha alcaldesa como Ana Granja, coa que recuperar a forza e o potencial que ten esta cidade”. 

Foi durante a presentación da candidatura coa que os populares concorren ás eleccións municipais de maio, presentación na que tamén participou a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor. O presidente popular destacou que “o PP ofrece un proxecto para a maioría social que quere ese cambio. Vilagarcía ten que volver a ser a oitava cidade de Galicia. Ten historia, potencia demográfica e recursos de sobra para recuperar a importancia que tiña e volver a ser motor da comarca do Salnés. E nós imos traballar duro para recuperalo. Tedes o compromiso de Ana e de toda a candidatura do PP, e tamén o meu”.

López agradeceu o traballo feito polos populares nos últimos catro anos en defensa da cidadanía e de Vilagarcía, pero tamén a nivel interno do partido. “Chegamos a esta convocatoria máis unidos que nunca. Esta é unha das grandes fortalezas do noso partido. Porque somos un partido de maiorías, que representamos á maioría dos vilagarcíans. Por iso é fundamental a unión de todo o centro dereita para ofrecer un proxecto sólido, un proxecto á altura do que necesita esta cidade. Unha unión que será fundamental para recuperar a confianza dos veciños no proxecto do Partido Popular”. 

Apuntou que as eleccións do 28 de maio son moi importantes “para decidir sobre o futuro da cidade, pero tamén porque son a primeira oportunidade para cambiar o Goberno de España”. Ademais, recordou que “o alcalde é o candidato de Pedro Sánchez. Cada vez que tivo que elixir, sempre elixiu ao seu partido por riba dos intereses e das necesidades dos seus veciños”.

Pola súa parte, a candidata Ana Granja referíuse á necesidade do cambio durante a súa intervención: “Aquí e agora comeza o cambio que Vilagarcía e os vilagarciáns merecemos e necesitamos”. E agradeceu a toda a candidatura  a súa implicación. “Contamos con 27 homes e mulleres que representan o mellor de Vilagarcía e que están chamados a construír esa cidade mellor que todos queremos”.

Destacou que o seu goberno centrarase en avanzar “con Vilagarcía, da man da cidadanía e non de costas á cidade. Porque iso é precisamente o que sufrimos durante oito anos, cun Goberno que fixo o que quixo, non o que os veciños necesitaban”. Por iso, criticou que se dedicasen a “crear problemas onde non os había, mentres que os problemas reais continúan sen solucións”. 

Granja tamén aposta pola cercanía, “porque é precisamente o que faltou en oito anos dun goberno que non pisou a rúa máis que para ir do concello á súa casa e viceversa”. E farano “contigo, con toda a cidadanía, porque o cambio en Vilagarcía só será posible con todos e cada un dos veciños, vivan onde vivan”.

Lista da candidatura
1. ANA MARIA GRANJA GUILLÁN
2. JUAN ANDRES BAYÓN ROLO
3. MARIA ELENA SUÁREZ SARMIENTO
4. JESÚS REY RODRÍGUEZ
5. ROBERTO DOMÍNGUEZ BUSTELO
6. RAÚL SANTAMARÍA GONZÁLEZ
7. MARTA MARÍA FERRADÁNS PADÍN
8. DAVID HIGINIO OLIVEIRA BARREIRO
9. JULIO VARELA CARDALDA
10. SILVANA DOMÍNGUEZ REDONDO
11. JUAN CARLOS MANEIRO OTERO
12. SANDRA GARCÍA ROMA
13. MARÍA DE LOURDES BAÑOS LOSADA
14. GERARDO ANSELMO SANTOS TORRES
15. OLGA TERESA PANTOJA VARGAS
16. BRUNO VILA FERNÁNDEZ
17. NOEMÍ AGRELO IGLESIAS
18. TAMARA LÓPEZ GÓMEZ
19. CARLOS ROMERO FERNÁNDEZ
20. MARINA DEL CARMEN PENAS CHAVES
21. ÁNGEL BENITO PÉREZ DORGAMBIDE

 

Suplentes
1. MARÍA BEATRIZ GONZÁLEZ LOROÑO
2. JOSÉ ANTONIO LANDÍN GONZÁLEZ
3. LAURA MARTIÑÁN BARTOMÉ
4. JAIME JOSÉ GUILLÍN CUBA
5. ALEJANDRO MANEIRO FRESCO
6. MARÍA DEL CARMEN OUBIÑA RODRÍGUEZ
7. RAMÓN SOMOZA RODRÍGUEZ