A empresa Atunlo abre unha nova fábrica para o procesado de cabezas de atún en O Grove

Esta iniciativa, de carácter pioneiro a nivel internacional, busca o maior aproveitamento posible da materia prima
Rosa Quintana, conselleira do Mar, durante a nauguracion de nova fabrica da empresa Atunlo no Grove
photo_camera Rosa Quintana, conselleira do Mar, durante a nauguracion de nova fabrica da empresa Atunlo no Grove. JOSË LUIZ OUBIÑA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a aposta da empresa galega Atunlo pola economía circular, a industria 4.0 e a descarbonización, compromisos que a consolidan como paradigma da industria de comercialización e transformación de produtos do mar a nivel nacional e internacional. Neste sentido, felicitou á compañía pola nova fábrica inaugurada no Grove para o procesado de cabezas de atún co fin de obter aceite deste peixe neutralizado para consumo humano.

A titular de Mar puxo en valor que se trata dun proxecto pioneiro sen precedentes en ningún outro país que busca o maior aproveitamento posible da materia prima, apostando tamén pola eficiencia enerxética xa que no seu proceso se usará principalmente enerxía fotovoltaica. Unha iniciativa que foi posible grazas ao acordo técnico-comercial alcanzado entre o grupo galego coa multinacional xaponesa Nissui, mediante o cal a totalidade desta produción vai ser exportada a Xapón.

Neste sentido, a conselleira salientou o interese de ambas compañías por desenvolver produtos 100% naturais, sustentables e elaborados en Europa baixo os máis altos estándares de calidade e responsabilidade social. Este compromiso fará posible a obtención do aceite de atún neutralizado, rico en Omega 3, que se poderá utilizar na industria alimentaria, principalmente para enriquecer as chamadas fórmulas infantís como os potiños de bebé.

“Hoxe asistimos á renovación do compromiso de Atunlo con Galicia, pola xeración de emprego de alta cualificación, dado o alto grado de automatización do novo proceso, e pola dotación de maior valor aos produtos que con tanto esforzo extraen as traballadoras e traballadores do mar”, asegurou Rosa Quintana. 

A representante de Administración autonómica incidiu ao mesmo tempo na importancia do sector do procesado e da transformación de recursos pesqueiros ao consolidarse na comunidade como a base sobre a que levantar un sólido tecido empresarial referente a nivel nacional e internacional en competitividade e excelencia. “Empresas como Atunlo son un exemplo de sustentabilidade, innovación e calidade que marcaron o rumbo de Galicia e España cara ao liderado mundial na transformación e comercialización dos produtos do mar”, asegurou.

Atunlo é unha empresa especializada no subministro de atún como materia prima para a industria conserveira e alimentaria. Ten cinco plantas de produción propias, dúas delas en Galicia –Cambados e O Grove–, unha en Cantabria (Santoña), outra en Portugal (Vilanova de Cerveira) e outra en Cabo Verde (Mindelo), con capacidade para 354 toneladas diarias en total. Conta cun cadro de persoal de 1.200 profesionais e, a peche de 2022, o seu volume de vendas roldou os 220 millóns de euros.