Suso Sueiro (PP): "Propoñemos un cheque bebé de 2.000 euros por nacemento"

As accións no eido social e a xestión das inversións plantéanse como a base do proxecto do candidato dos populares en Meaño
Suso Sueiro, candidato do PP de Meaño. DS
photo_camera Suso Sueiro, candidato do PP de Meaño. DS

Tras catro anos asumindo a presidencia da xestora do partido preséntase como cabeza de lista. Como encara esta primeira candidatura?
Con moitísimas ganas, con moitísima ilusión e co apoio total e absoluto do partido a nivel provincial e autonómico, o cal reforza o que é a candidatura en si.

Na súa presentación falaba de “recuperar o tempo perdido”. Cal sería a súa primeira medida como alcalde?
Non é unha soamente, creo que hai un conxunto de medidas que habería que tomar. Todo isto ven dado de que as infraestruturas desatendéronse un pouco. Por suposto que se fixeron cousas, non vou ser quen negue todo, pero fíxose moita inversión en asfaltados na que faltou un pouco de cordura. No noso proxecto, do primeiro que faríamos sería recuperar, a nivel social, cousas que se foron perdendo como actividades para maiores, ludotecas e campamentos de verán para conciliación de vida laboral e familiar, e por suposto, un dos nosos proxectos estrela, ampliar e mellorar o centro rural de maiores. Levamos no programa mercar unha edificación que era un antiguo hotel, unha opción moi boa a nivel económico, porque é asequible e ten unhas moi boas instalacións que poderíamos converter nun centro de día en pouco tempo. 

O avellentamento da poboación é unha realidade que afecta tamén ao municipio de Meaño. Cales serían as liñas de actuación para mellorar esta situación?
Mellorar as instalacións adicadas á atención ás persoas de máis idade. Pero para mitigar ese avellentamento, teríamos que incentivar que veñan novas familias, que se empadroen aquí. Unha medida que propoñemos é o "cheque bebé", que se trata dun cheque de 2.000 euros por nacemento a aquelas familias que leven como mínimo tres anos empadroadas no Concello de Meaño para tratar de asentar poboación. Habería máis medidas fiscales á hora de persoas que se queira empadroar aquí, facilitar que haxa empresas constructoras que volvan a ver que Meaño é apetecible para invertir.

Dende o seu partido propoñen unha mellor xestión dos orzamentos. A que eidos consideran fundamentais destinar as partidas municipais?
Principalmente, ao eido social, aos nenos e aos maiores. Tamén hai que destinar partidas a nivel de infraestruturas, inversións en obras e mantementos dun xeito un pouco máis razonable ou intelixente. O que non consideramos é que haxa que invertir nun plan de asfaltado un millón de euros e asfaltar estradas que están en moi bo estado. Iso da unha visión de que non hai un proxecto definido. Nós levamos o centro de día, outras inversións como poden ser a depuración da nosa zona de ría en Dena, ou mellorar as rutas de senderismo pegadas ao río e facer máis das que xa existen para tratar de que queden todas as parroquias dende a zona da ría.

Que suporía o apoio e os recursos da Mancomunidade do Salnés para Meaño?
Suporía moito. Precisamente as Mancomunidades fórmanse para que haxa os máximos servizos ou apoios para concellos pequenos como poden ser Meaño, Meis, Ribadumia ou A Illa. O seu apoio é esencial. A nivel turístico, por exemplo, ir da man da Mancomunidade do Salnés, levar contido de Meaño, é unha ferramente indispensable. Agora ben, eu por suposto que vou loitar para que a Mancomunidade volva a estar nas mans do Partido Popular que é o partido que represento. O que me refiro é que debería estar xestionada doutra forma. Eu coñezoa dende dentro da anterior lexislatura, funcionaba ás mil marabillas, e entendo que agora non se lle saca todo o partido que se debera, e vou loitar como concelleiro, e ojalá como alcalde do Partido Popular para que volva ás nosas mans e sacarlle o partido que merece para un concello pequeno como Meaño.