O PSOE de Meaño rexeita o “imposto á choiva” da Xunta, que conta co silencio do alcalde

Os socialistas explican que os veciños e veciñas pasarán a pagar un 117% máis en impostos
Presentación da candidatura de Pablo Portas en Meaño. DS
photo_camera Pablo Portas, líder socialista de Meaño, xunto a representación do partido. DS

No pleno extraordinario celebrado o pasado 30 de outubro, o Goberno municipal de Meaño subiu o imposto do IBI. Dende o PSOE afirman que este imposto non é o único que "vai diminuír os petos da veciñanza de Meaño", xa que proximamente o “sablazo” será maior coa Lei da Auga, explican.

A Xunta de Galicia, ao recibir diñeiro procedente dos fondos FEDER, estaba obrigada a mellorar as depuradoras dos concellos con poboacións superiores a 2.000 habitantes. Dende o ano 2014, data na que foron recibindo o diñeiro, "non fixeron ningún investimento na EDAR de Os Pasales para separar as augas fecais das pluviais" explican os socialistas.

O Concello págalle a Augas de Galicia pola xestión da EDAR de Os Pasales, e a Xunta de Galicia acaba de subir o custe da xestión, polo que a veciñanza de Meaño vai pagar máis nos próximos recibos da auga. Ante isto, a formación da oposición pregúntase canto máis se vai pagar, xa que a Xunta estima que vai recaudar 2.189.290 €, fronte aos 1.070.919 € do exercicio anterior, polo que en Meaño pasarase de pagarlle á Xunta 286.804 € a 624.280 €. "Trátase dun 117% máis, que sairán directamente dos nosos petos cando o grupo de goberno camufle a suba no próximo recibo da auga".

O PSdeG presentou unha moción no Pleno da Deputación de Pontevedra para evitar esta suba e solicitarlle á Xunta de Galicia que asuma directamente a xestión da EDAR de Os Pasales, entre outras. O PP votou en contra e en Meaño ningún partido con representación se fixo eco desta mala nova para Meaño, sentencian.