José Manuel Aspérez (MEAÑO INDEPIENDENTE): "O que temos que dar son máis servizos sociais"

O candidato do partido independente aposta no seu programa por devolver a Meaño o seu atractivo con medidas como a conciliación ou os servizos destinados á xuventude
José Manuel Aspérez, candidato de Meaño Independente. DS
photo_camera José Manuel Aspérez, candidato de Meaño Independente. DS

Esperan uns resultados similares aos das pasadas eleccións neste 28-M?
Traballaremos para que sexan similares. Igualalos ou melloralos, pero traballaremos. É complicado cunha forza política máis, pero esperamos quedarnos nese resultado, polo menos.

O víal en Abuín ou en Xil son proxectos aínda sen rematar. Serían estas algunha das súas tarefas prioritarias de resultar elixido?
En Xil o mais importante é por exemplo facer as beirarrúas, que é un dos puntos que levamos no programa anterior e evidentemente rematar o que este alcalde deixe sen rematar, que en certas condicións non poden quedar algunhas obras que están facendo. E o de Abuín trataremos de melloralo porque, dende logo, conectar Dena co polígono de Sanxenxo e coa autovía era unha prioridade e o vial que está feito é realmente escaso e perigoso. 

Meaño conta cunha riqueza paisaxística notable danada polo mal estado dalgunhas estructuras como fontes, lavadoiros ou estradas. Que accións teñen en mente para resolver isto?
Telas nun mantemento constante e en condicións razonables de limpeza, porque xa agora mesmo nin iso, a limpeza chega cando hai festas nas parroquias ou as eleccións. Ademais, recuperar certos cruzeiros que están danados e sin reparar, e potenciar incluso os petroglifos que hai na parroquia de Xil. Tamén a ruta dos muíños que están sen recuperar. Todo ese patrimonio etnográfico, paisaxístico e que forma parte da tradición imos actuar sobre el e a intentar potencialo. 

Unha das solicitudes de veciñanza e a instalación de fibra óptica no municipio. Esta programación ten cabida no seu programa?
Vai como un dos puntos do programa por escrito e o que queremos é presionar da maneira que ten e debe presionar un goberno, un concello, para que a día de hoxe todos os vecinos dispoñan de fibra, xa que non é unha instalación que sexa cargo do concello, pero si é cargo do ente municipal poñer as condicións para que as companías canto antes cubran ao 100% da veciñanza.

No debate entre formacións mostráronse afíns a brindar o seu apoio ao candidato do PSdeG. Estarían dispostos a pactar con outros partidos?
No debate de televisión o que comentamos é que se o PSdeG precisase o noso apoio que o tería, pero evidentemente se nós repetimos é para iso, nos presentamos con esa intención. Cos resultados das anteriores eleccions é posible que precisemos nós ou que teñamos a maioría e que sexan outras formacións as que nos teñan que dar apoio, que é o que lle reclamaba ao candidato do PSdeG. Nas anteriores eleccións preferiron votar na nosa contra facendo alcalde ao PP, cosa que só pasou no Concello de Meano. Votando en contra eles sabían o resultado. E logo o que pasou é que o PP lle deu os votos en secreto, nunha urna secreta, dous votos para que eles tiveran representante na Mancomunidade. Evidentemente, había un pacto detrás. Nós o que lle reclamamos ao PSdeG nese momento en particular é que se necesitasen dos nosos votos que os  terían, como xa lle ofrecimos nas lexislaturas ser alcaldes e non quixeron, pero que nós tamén esperamos ter o apoio deles. Nós o que buscamos é ter unha mayoría suficiente para gobernar. E no caso de que necesitemos apoios puntuais para gobernar ou un apoio para construir un goberno forte, será e buscaremos aquel partido que asuma boa parte do noso programa de goberno. 

Afirma que en Meaño hai poucos atractivos para vivir. De que xeito poderíase reverter esa situación?
Os atractivos para vivir non son suficientes agora mesmo. O que ten que dar un concello pequeno como o noso, ademais nunha situación privilexiada preto de Sanxenxo, preto de Cambados, preto dunha autovía que conecta con Pontevedra e Vigo, o que temos que dar é mais servizos sociais. Uns comedores escolares que ocupen o 100% do horario, que permitan a conciliación familiar. Uns servizos para maiores que permitan a conciliación da xente que traballa na casa. Servizos sobre todo destinados á infancia, aos pequenos, á xuventude e aos maiores que é o que permite unha conciliación familiar e que a poboación se poida asentar e ver máis atractivo aínda a Meaño. 

Consideran chave o aumento da poboación. Que poderían facer dende Meaño Independente para incrementar estes datos?
O principal eixo é un servizo de conciliación para que as familias vexan o concello atrativo e o seguinte principal punto de actuación é axudar e promover que haxa máis ofertas de vivenda. Máis oferta onde o Concello poida servir incluso de aval para promover cooperativas de vivenda e que así se poida sentar e ver Meaño xa non só como atractivo. Agora mesmo podemos velo atrativo pero é que non hai un piso, nin unha vivenda disponible para alugar. Entón, desa maneira, con nova construción, pois si facer de Meaño un deses concellos que teña oferta de vivenda para que a xente en vez de irse a Ribadumia ou Cambados se quede aquí ou vexa isto como unha posibilidade de asentarse familiarmente a vivir. 

No seu programa inclúen diversas medidas destinadas á mellora dos centros escolares para non repetir episodios como o do comedor do CEIP Coirón-Dena. Onde se debe pór o foco para garantir este tipo de servizos?
Nun principio as instalacións son importantes, poñer o foco nelas porque non creo que sexa o máis convinte que os rapaces de Dena estén comendo no mesmo espacio físico de fai prácticamente dez anos que non deixa de ser un contenedor de obra adaptado. E no colexio de Meaño ampliar o pequeno espacio que hai para que poida haber máis oferta á demanda que seguramente se vai incrementar, máis oferta de espacio. E logo, sobre todo, incidir outra vez en revertir os gastos que acomete e nos que este alcalde fixo prioritarios nesta lexislatura, que foi os gastos de obras e compras de terreos e asfalto e todo isto, revertindo en gasto social.