O IES de Meaño participará no programa 'Spring Week'

O alumnado de segundo da ESO darase cita do 14 ao 20 de maio nesta iniciativa de estadías lingüisticas enmarcada na Estratexia Galega de linguas Estranxeiras 2030
IES de Meaño. DS
photo_camera Imagen del interior del centro. DS

Preto de 1.500 estudantes de 69 colexios e institutos de toda Galicia participarán esta primavera no programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. O listado de datas e colexios participantes (a razón de 28 da provincia da Coruña, 13 de Lugo, sete de Ourense e 21 de Pontevedra) pode consultarse no Portal Educativo.

O IES de Meaño para esta iniciativa na que o alumnado do segundo curso da ESO poderá gozar desta experiencia inmersiva e reforzar os coñecementos que lle permitan desenvolverse dunha maneira fluída na lingua inglesa. A actividade terá lugar do 14 ao 20 de maio.

O programa, que está dirixido a estudantes de 6º curso de Educación Primaria e de toda a etapa de ESO de centros públicos que o solicitaran, desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia durante sete días e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83M€ ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.