Os Reis Magos arribarán ao Porto do Xufre

Os Reis Magos arribarán ao Porto do Xufre da Illa de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
 Unha carroza de dezaseis metros de longo agardará polo séquito real. O percorrido da cabalgata será algo máis curto que en anos anteriores

Todo en marcha para que a Illa de Arousa reciba ás súas Maxestades de Oriente. O Goberno local deste municipio arousano céntrase nos preparativos que garantan unha marabillosa recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis Magos arribarán ao porto do Xufre a tarde do xoves, 5 de xaneiro, ás 17.30 horas. Farano a bordo de 'O Rei do Mar', un nobre galeón que a asociación cultural Dorna da Illa converteu hai uns anos en barco escola a fin de ensinar o xeito tradicional de navegación e que porá a disposición das Súas Maxestades no tramo final da súa travesía ata a Arousa.

No porto, unha carroza de 16 metros de longo esperará ao séquito real. Compartirán unha plataforma, cedida pola empresa Marconsa, ambientada coa maxia que corresponde a unha recepción real e deseñada para trasladar aos máis cativos a un mundo de ilusión. Alí, no Xufre, o Goberno local convida a toda a veciñanza a recibilos e a acompañalos despois nun percorrido que este ano será máis curto que en edicións anteriores, xa que, segundo fontes municipais, as dimensións da carroza limitan o seu acceso a moitas rúas.

Desde O Xufre circularán polo Cantiño ata O Campo e de aí seguerá ata o Auditorio, onde terá lugar unha sesión de contacontos que, ademais, seguerán as Súas Maxestades desde o escenario, para acompañar á cativada nesta tarde especial.

"Confío que a carroza guste máis que a do ano pasado e que pequenos e maiores desfruten dunha tarde especial. Como sempre, estamos a contar coa colaboración tanto do persoal municipal como de asociacións e empresas para conseguir que a tarde do 5 de xaneiro sexa especial”, apuntou o concelleiro de Servizos da Illa, Luis Arosa.