O Belén vivinte regresa este ano logo dunha cabalgata de máis de 400 persoas

Catorce asociacións, ANPAS e colexios participarán na cita do vindeiro xoves ás sete da tarde
Imagen de archivo de la Cabalgata de Reyes de Vilagarcía. DP
photo_camera Imagen de archivo de la Cabalgata de Reyes de Vilagarcía. DP

Co novo ano que acabamos de estrear chega tamén a última das celebracións do Nadal en Vilagarcía: a Cabalgata de Reis. Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán as rúas da cidade o xoves, 5 de xaneiro, acompañados dun completo séquito real composto por 420 persoas. Ademais, despois de tres anos sen poder facelo, este ano regresa o belén vivinte á Praza de Ravella, onde as súas Maxestades de Oriente realizarán a ofrenda ao Neno Xesús antes de dirixirse ao numeroso público que os espera cada ano na praza. Ao remate do acto, os Reis Magos subirán ao Salón Nobre de Ravella para protagonizar a tradicional recepción real e saudar a todos os nenos e nenas que desexen dirixirse persoalmente as súas Maxestades.

Como é costume, son moitas as asociacións, colectivos e colexios que se suman Cabalgata de Reis cada ano. Nesta ocasión participan catorce entidades. O Centro de Educación Especial, as ANPA da Escardia, O Piñeiriño, San Francisco, Rosalía de Castro, Filipense e Anexo A Lomba, as asociacións Os Remolóns, O Noso Lar e Nós de Sobradelo, a escola de danza Begoña Fontán e o centro de animación Nydia, así como o club de rugby Os Ingleses. No evento organizado pola Concellería de Cultura tamén participan cos seus vehículos o Servizo Municipal de Emerxencias e a agrupación de voluntarios de Protección Civil. Tame´n como é tradición, a Banda de Muisca de Vilagarcía desfilará xunto aos Reis poñendo a animación musical coa interpretación de animadas panxoliñas.

O desfile partirá da Praza da II República ás sete da tarde e desfilará pola Avenida da Mariña, pasando pola Alameda para dirixirse cara a Praza doutor Carús. Seguirá por Alexandre Bóveda e Alejandro Cerecedo e xirará en Doutor Tourón para pasar pola Praza de España, Edelmiro Trillo e Padre Feijoo para dirixirse a Arapiles e rematar os últimos metros a pé a través dos Xardíns de Ravella para facer as súas ofrendas de ouro, incenso e mirra ao Neno Xesús do belén vivinte.