Lontreira presenta o seu primeiro disco 'Apnea' xunto a Carlos Blanco, Uxía e Inés Salvado

O concerto, totalmente gratuito e con peto para a Federación Galega de Enfermidades Raras, celebrarase este venres, 30 de decembro no Auditorio municipal, cun espectáculo que intercala poemas e cancións coa natureza como inspiración
Lontreira. DS
photo_camera Lontreira. DS

Adriana Cores (Adri Coyote) e Héctor Rodríguez son os dos compoñentes de Lontreira, un grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa, da que tomaron prestado o nome dunha das súas praias para facerse un oco no panorama musical galego. Este venres, ás 20.00 horas, presentan no Auditorio Municipal o seu primeiro disco, Apnea, un traballo que intercala poemas e cancións para ir narrando singladuras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais simbólicos.

Estes dous mozos, ela de A Illa e el de Moaña, que estudando en Vigo descubriron que os seus talentos musicais se complementan, estarán arroupados no escenario arousán por persoeiros sobradamente coñecidos como o actor Carlos Blanco; a cantautora Uxía ou Inés Salvado, cantante de De Vacas, que porán voz a algúns dos poemas de “Apnea”.

O concerto de Lontreira, ao igual que a semana pasada fixera Doen, terá un ingrediente solidario. A actuación é gratuita, con convites que se retiran libremente na biblioteca ou na administración de lotería, pero recadará fondos voluntarios para a Federación Galega de Enfermedades Raras e Crónicas, Fegerec, nun peto que se colocará na entrada do Auditorio.

O obxectivo desta Fundación é mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades raras e as súas familias a través do seu programa asistencial sociosanitario con acompañamento na búsqueda do diagnóstico e acceso ao tratamento.

Os integrantes de Lontreira convidan a colaborar coa causa pero sobre todo a achegarse ao Auditorio a gozar dunha actuación cargada de emotividade e, sobre todo, de ilusión; a que son capaces de contaxiar estes dous mozos que en moi pouco tempo de carreira musical acumulan xa varios premios, algún concecido pola Deputación, e sobre todo o que os converteu en gañadores da canción do verán da TVG con seu tema Corazón de toxo.

Para Héctor Rodríguez, teclista, compositor e membro dunha orquestra, a música é unha vocación que quere transformar en profesión; para Adri Coyote a música é unha afección “herdada polo ambiente cultural no que me criei na casa” coa que quere transmitir a súa paixón polo medio natural. Xuntos crean arte, unha arte que queren compartir na terra que a inspira, Arousa, donde buscan tamén a complicidade do público.