O ximnasio municipal abre en horario de tarde con varias xornadas de portas abertas

A concelleira de Deportes, Rosi Viana, e a xerente da Fundación Deportiva, Paula Dios, convidan á veciñanza a visitar as instalacións e a inscribirse para adquirir hábitos máis saudables como reto para 2023
Exterior do edificio de Usos Náuticos no que está situado o ximnasio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Exterior do edificio de Usos Náuticos no que está situado o ximnasio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As novas instalacións do ximnasio municipio, situado no edifico de Usos Náuticos, están preparadas para recibir durante as tres primeiras xornadas desta semana ás persoas interesadas en coñecer con detalle as máquinas, salas e servizos que ofrece.

De 16:00 a 22:00 horas, dende este luns ata este mércores, as máquinas deportivas estarán a disposición de quen as queira probar como paso previo á inscrición, xa que non será ata o 2 de xaneiro cando se realice a apertura co horario habitual, pechándose as instalacións o día 5 de xaneiro en horario de tarde por convenio así como o 6 e 7 de xaneiro por ser festivos.

Tanto a concelleira de Deportes, Rosi Viana, como a xerente da Fundación Deportiva, Paula Dios, aseguran que o ximnasio arousán está a despertar un forte interese entre usuarios de toda a comarca, en parte polas axeitadas tarifas que ofrece en comparación con ximnasios similares, ou con menos prestacións, situados en municipios colindantes. Neste sentido anima aos veciños e veciñas da Illa a sumarse á práctica deportiva, un hábito que contribuirá a mellor a calidade de vida da poboación arousana. “Este concepto de hábitos saudables, que pode ser un reto individual de cara a 2023, marca a nosa acción de goberno non so en materia deportiva, tamén no acondicionamento de sendas e no deseño da transformación urbana que está a rexistrar o centro da vila, con espazo para camiñar con seguridade”, explica.

As instalacións arousanas permanecerán abertas 59,5 horas á semana cun horario de luns a sábado de 9.00 a 13.30 horas e de luns a venres de 16.00 a 22.30 horas. Haberá un uso  compartido cos deportistas federados e que compiten no club de Piragüismo que poderán utilizar a instalación acompañados dos seus adestradores entre as 16:00 e as 19:00 horas.

A ordenanza fiscal que regula as tarifas a aplicar contempla uns prezos especiais para aquelas persoas que queiran compatibilizar o uso das instalacións coa asistencia a algunha das actividades que oferta a Fundación como son pilates, aerobic ou mantemento.

O novo ximnasio conta cunha sala de case 200 metros cadrados cunha zona de cardio, unhade musculación e unha para facer diferente traballo funcional. Dispón dunha sala de actividades dirixidas onde se poderán levar a cabo actividades en grupos de 10-12 persoas.