O litoral da Illa recupera a normalidade tras unha xornada de limpeza de fuel

O Concello botou man de contenedores do Punto Limpo para acumular os residuos á espera do seu traslado a unha planta especializada
Recollida fuel. CONCELLO
photo_camera Os operarios remataron as tarefas de limpeza esta mañá. CONCELLO

A brigada municipal de Servizos, integrada por 8 persoas e coordinada polo alcalde, Carlos Iglesias e o edil Luis Arosa, encargouse esta mañán de mércores de limpar e recoller os restos de fuel misturados con algas que chegaron ata a costa nesta noite. Apoiados por persoal da Confraría de Pescadores de A Illa, os operarios centraron o seu traballo na praia do Campo e na zona do Regueiro, entornos aos que o mar achegou a mancha xa fora detectada onte pola tarde no operativo aéreo de control da Ría desplegado por Salvamento Marítimo, tralo que confirmaron ao Concello que a Ría de Arousa está limpa e que o verquido afectaba exclusivamente á Illa arousán.

Os operarios rastrillaron a area para eliminar incluso as pequenas manchas  e os restos foron retirados de novo cun camión grúa tamén municipal. O Concello botou man de contenedores do Punto Limpo para acumular os residuos e mantelos cubertos á espera do seu traslado a unha planta especializada no seu tratamento.

Luis Arosa agradeceu a implicación da plantilla municipal durante estes dous días de traballo duro e recoñeceu que nun primeiro momento se viviu certa tensión, tanto polo descoñecemento inicial da dimensión do verquido como polos recordos que despertou en moitos arousáns o cheiro a chapapote, ligado para sempre a un desastre ambiental moi presente na memoria de toda a comarca.

“Por sorte hoxe o noso litoral xa recuperou a normalidade e desde o Concello quedamos á espera de que conclúa a investigación aberta por Capitanía Marítima para esclarecer o acontecido e que cada quen asuma as súas responsabilidades nun feitos que non deberían ter acontecido”, apunta Carlos Iglesias.