Cambados vive na rúa a Festa do Albariño

Centos de persoas asistiron a escoitar o pregón encomendado ao Teatro Caracol e á pertura das casetas no Paseo da Calzada

(_LO_5133.JPG) AGN CAMBADOS Pontevedra 13 30 h O conselleiro do Medio Rural Jose Gonzalez acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria Jose Luis Cabarcos e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra Agustin Reguera participar16379
photo_camera Brindis das autoridades na primeira parada no posto da bodega Condes de Albarei. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA

Os ceos abríronse e o sol comezou a brillar cando o grupo Teatro Caracol estaba xa preparado nos balcóns do concello de Cambados. Coa voz da presidenta da compañía teatral, Olga González, dando o pregón comezaba a LXXI Edición da Festa do Albariño D.O. Rías Baixas de Cambados.

Os reloxos marcaban as 13.15 horas cando o alcalde cambadés, Samuel Lago; o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López e o presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes Serantes, se dirixían ao Paseo da Calzada para abrir ao público as 42 casetas que se extenden ao longo do mesmo. No paseo, 41 bodegas da denominación de orixe amosarán as súas elaboracións ao público ata o próximo domingo 6 de agosto.

Tras abrir este espazo ao público, a primeira parada das autoridades foi no posto Condes de Albarei, onde realizaron un brindis de celebración pola nova edición da Festa do Albariño. Aos poucos minutos, o alcalde, Samuel Lago, amosaba a súa emoción polos días tan especiais que comezaban, ademais de agredecer todo o traballo realizado para que unha nova edición se poida celebrar. "Todos colaboran nesta festa dunha maneira ou outra para que cada ano sexa un pouquiño máis grande e, sobre todo, para que estas 71 se convirtan en moitísimas máis", expresa o alcade.

Nesta liña, o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, puxo tamén en valor o significado desta festividade: "A xente, por suposto, que consuma con moderación pero que saiba que detrás dunha botella de albariño, hai paisaxe, hai territorio, hai valor engadido, hai historia dunha comarca. Eu penso que hoxe é un día de celebración e estámolo vendo polo número de xente que está aquí", alegaba.

Ademais do viño de calidade característico da comarca, como da mellor gastronomía, nesta edición da Festa do Albariño, artistas internacionais veñen a poñer a mellor música. Na praza de Fefiñáns, actúa este xoves 3 Justin Quiles ás 22.00 horas. O venres á mesma hora e no mesmo lugar actuarán Lontreira e Zahara e o sábado estará o grupo Stay Homas.

O domingo ás 14.00 horas terá lugar no Parque de Torrado o Xantar do Albariño onde se darán a coñecer os viños gañadores desta LXXI Edición da festa cambadesa. Ás 22.00 horas actuará a Banda de Música de Castrelo e ás 0.00 horas péchase a celebración co espectáculo pirotécnico.

Para o correcto desenvolvemento da festividade e para asegurar a diversión de todas as persoas, haberá distintos Puntos Seguros da Festa do Albariño. A eles poderán ir todas as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade por violencia de xénero, agresión, abuso ou acoso sexual. Estes puntos están postos pola Concellería de Igualdade de Cambados en colaboración con diferentes establecementos. Na Avenida de Galicia estará a Caravana do Punto Morado con equipo psicolóxico.

Transporte público e seguro

A Xunta de Galicia activará servizos de autobús especiais os vindeiros 5 e 6 de agosto para a Festa do Albariño de Cambados. Habilítanse dous servizos para o regreso desde Cambados cara a Pontevedra que sairán ás 07.00 e ás 08.35 horas. Por outro lado, os menores de 21 anos poderán viaxar gratis empregando a tarxeta Xente Nova, ao igual que nos autobuses da Xunta.