A Festa do Mexilón e o Berberecho de Vilanova de Arousa: a un ano de cumprir os trinta

O xornalista José García Domínguez, o presidente Luís López e o párroco Juan Ventura, reciben as insignias de ouro ▶ Homenaxéase, tamén, a Raúl, Borjamina e Bruno, os integrantes de Mozos de Arousa en Reacción en cadena

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera O xornalista José García Domínguez, o presidente Luís López e o párroco Juan Ventura, coas súas mencións. PATRICIA FIGUEIRAS

Palabras de agradecemento, mencións especiais, un canto a capela e, sobre todo, moito ouro negro houbo durante a xornada do domingo en Vilanova de Arousa. Os veciños e veciñas do concello celebraron a XXIX Edición da Festa do Mexilón e do Berberecho.

Cara o medio día, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, poñíase tras o micro na praza do Castro para comezar o acto de entrega das insignias de ouro e brillantes. Tras el, o xornalista José García Domínguez tivo o cometido de realizar o pregón da festa, no cal, ofreceu unha descrición do mexilón que, segundo o alcalde vilanovés, lembrou á descrición que Julio Camba realizara da sardiña. Tras o seu alegato, recibiu a súa correspondente insignia.

O teniente alcalde de Vilanova, Javier Touris, encargouse de entregarlle a insignia á seguinte persoa con mención especial nesta edición, que foi o presidente da
Deputación de Pontevedra, Luís López. En terceiro lugar, o párroco Juan Ventura, recibiu tamén a súa mención. "Que cante! Que cante!", gritaban os veciños e veciñas de Vilanova que asistiron a presenciar o acto. O párroco compartiu con todos os presentes unhas breves palabras sobre a súa historia de vida e a súa ligazón con Vilanova. "Eu nun principio quería ser alcalde, pero Gonzalo tivo sorte de que finalmente optase por outros camiños", expresou divertido Juan. Tras o seu alegato, sucumbiu ás súplicas do público e cantou a capela o himno de Vilanova de Arousa. Un forte aplauso indicou que a súa voz emocionou aos presentes.

Unha vez repartidas as insignias, o acalde volveu tras o micrófono e expresou que, dende o concello, querían facer outra mención especial. "Desde hace varios meses escuchamos en la tele el nombre de Arousa y pese a no ser de Vilanova, queremos tener con ellos un detalle". Con estas palabras, Gonzalo Durán quería homenaxear aos Mozos de Arousa. Raúl, Borjamina e Bruno, os mozos en cuestión, levan dende o pasado 25 de maio participando no programa de Telecinco chamado Reacción en Cadena. "Empecé a conocer a la gente de Vilanova cuando empezamos a organizar actividades en el albergue de las Sinas y quiero decir que la gente de aquí es muy afortunada de vivir en un lugar como este", expresaba Borjamina.

O actou rematou coas palabras do presidente da Deputación de Pontevedra. Quixo mencionar o peso que ten a Festa do Mexilón e do Berberecho de Vilanova no conxunto da provincia. Agradeceu, tamén, todo o traballo que hai detrás deste sector, así como da organización dunha festa coma esta.

Tras o evento, procedeuse coa comida dos outros protagonistas, o mexilón, ou ouro negro, e o berberecho. O ano que ven, a festa cumprirá os 30 anos pero pronostícase que, cada ano que pase, estará máis viva.