A Xunta licita por 160.000€ a restauración da Igrexa de San Martiño de Sobrán

O obxectivo da actuación é resolver as patoloxías derivadas da falta de auga, mellorar as condicións de conservación e eliminar o impacto arquitectónico da falsa bóveda do século XX da capela e da sancristía sobre a ábsida románica
Iglesia de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán. DS
photo_camera Iglesia de San Martiño de Sobrán en Vilaxoán. DS

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación a restauración das cubertas e carpinterías da igrexa de San Martiño de Sobrán, no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, cunha achega de case 160.000€. O inicio do proceso administrativo para contratar esta obra publicouse este martes na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. 

O obxectivo desta actuación é resolver as patoloxías máis urxentes do edificio provocados polo paso do tempo e os últimos temporais. Así, coa posta en marcha deste proxecto preténdese solucionar os problemas derivados da entrada de auga e dos morteiros de cemento na portada principal, mellorar as condicións de conservación e eliminar o impacto arquitectónico negativo da falsa bóveda do século XX da capela e da sancristía sobre a ábsida románica. 

Para iso, substituiranse as cubertas da capela lateral e da sancristía que se atopan en mal estado, eliminaranse os morteiros de cemento na portada oeste e faranse intervencións puntuais na cuberta do templo para evitar filtracións de auga e nas carpinterías exteriores para aumentar a ventilación. 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de tres meses, complétanse co redeseño da fachada sur da sancristía para liberar as vistas da ábsida e evitar a entrada de auga e coa eliminación da falsa bóveda da capela interior para recuperar o teito de madeira. 

Para levar a cabo estes traballos a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asinou un convenio de colaboración coa Arquidiocese de Santiago para poñer a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación