Cortegada rexistrou 7.762 visitas no ano 2022 e un incremento do 35%

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou este martes a contorna da illa pertencente ao Parque Internacional das Illas Atlánticas a bordo do pesqueiro rehabilitado Chasula

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou este martes ás persoas que visiten esta Semana Santa o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a practicar un turismo sostible e responsable que contribúa a preservar e poñer en valor a riqueza natural e patrimonial que alberga este espazo único na Comunidade.

Antes de embarcar rumbo á Illa de Cortegada, a conselleira lembrou que tras dous anos marcados pola Covid, a afluencia ás Illas Atlánticas recuperou xa a normalidade polo que se agarda que nos próximos días volvan ser un dos destinos preferidos para moitos galegos. De feito, salientou o caso de Cortegada, que sendo unha das illas menos coñecidas, en 2022 rexistrou 7.762 visitantes, case un 35% máis que o ano anterior.

Así mesmo, Vázquez indicou que a pasada Semana Santa, máis de 14.000 persoas visitaron os catro arquipélagos. Polo momento, xa hai algo máis de 6000 autorizacións confirmadas para viaxar ao parque entre o 31 de marzo e o 9 de abril pero, como indicou, a previsión é que a tempada se peche con datos similares aos de 2022.

Neste sentido, a conselleira salientou a “cifra récord” de visitantes acadada o ano pasado —máis de 490.000 persoas en total— e vinculouna coa aposta que fixo a Xunta pola “desestacionalización” do turismo e das viaxes ás illas ao longo de todo ano a través do Plan reitor de uso e xestión aprobado en 2019.

Por iso, animou á cidadanía a gozar da “xoia da coroa” do patrimonio natural galego non só durante as vacacións de Semana Santa ou no verán senón “durante todo o ano”, incidindo en que se trata dun espazo que se pode coñecer e desfrutar en calquera época e de formas diferentes.

A conselleira fixo na mañá deste martes un percorrido en barco pola contorna da illa de Cortegada a bordo do Chasula, un antigo pesqueiro rehabilitado, que conta co selo da Carta Europea de Turismo Sostible e é o único barco de madeira que se dedica ao turismo mariñeiro nas Rías Baixas.

Ao respecto, a responsable autonómica explicou que este ano, por primeira vez e grazas a unha subvención de 12.000 euros outorgada pola Xunta á empresa Intramar-Chasula, ofertaranse rutas de observación ornitolóxica en barco polas Illas Atlánticas e as súas contornas durante todo o ano, tamén en tempada baixa.

Este tipo de iniciativas, segundo indicou, contribúen a atraer a un maior número de visitantes e con perfís diferentes, ao tempo que permiten coñecer e achegarse ás illas no marco de itinerarios programados con enfoques moi diversos. Así, no caso do Chasula as excursións que organiza este ano pola contorna do parque nacional desenvolveranse entre xaneiro e xuño e tamén no mes de setembro e ofrecerán a oportunidade de avistar desde o barco a grande variedade de aves mariñas que pasan e aniñan cada ano na zona.

Así mesmo e co fin de dar a coñecer os valores e particularidades dos dous arquipélagos máis visitados, cómpre lembrar tamén que durante a vindeira Semana Santa a Xunta ofrecerá un total de 650 prazas para coñecer Cíes e Ons a través de rutas gratuítas e da man de guías especializados.

As persoas interesadas poderán anotarse en liña a través da central de reservas do parque nacional ou de forma presencial, o propio día da visita, na caseta de información da illa. A viaxe en barco, en todo caso, correrá a cargo de cada persoa, que tamén deberá xestionar a correspondente autorización de acceso na páxina habilitada pola Xunta.